José Manuel Sande, concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, bendí a Gala do Deporte da Coruña e a súa Comarcahttps://mas.laopinioncoruna.es/gala-do-deporte que será o vindeiro 13 de xuño.

- A Gala do Deporte da Coruña e a súa Comarca cubre un oco baleiro na cidade?

-Totalmente, esta é unha cidade absolutamente entregada, implicada e comprometida co deporte e cunha cantidade inmensa de usuarios, unhas instalacións importantes e con clubes e institucións significativas. Comprobámolo cando foi a gala da Xunta, o pasado decembro. Gustounos que fose na cidade e vimos que era necesario. É unha moi boa idea e pode ter continuidade porque hai moitísimos deportistas para premiar, homenaxes que facer e un montón de personalidades que están facendo un traballo increíble.

- Os resultados falan sós.

-Equipos de elite, unha campeona olímpica, a maior variedade posible de deportes, xa que podemos falar de halterofilia, ximnasia, patinaxe, un club de baloncesto que está rozando a ACB, o Liceo con tres equipos arriba e sendo a única alternativa ao hockey catalán, o CRAT, a esgrima... é fascinante. E creo que esto fai aínda máis doloroso o descenso do Deportivo.

- Espera que sexa unha festa?

-O mundo de deporte, cos seus valores, principios e o ambiente que é capaz de xerar, xa ten esa premisa, unha idea de festa e celebración, por enriba de calquera sensación competitiva. Nese sentido a gala pode ser un camiño máis de estímulo para ese crecemento do deporte local e recoñecemento.

- Que nota lle poría ao deporte coruñés?

-Cando un valora, fai crítica pero autocrítica tamén. Poñeríalle un oito porque creo que hai unha organización interna, uns mecanismos, unha serie de instalacións, de disposición, de cantidade de usuarios, de aficionados, de simpatizantes, de practicantes, que significan ese compromiso, implicación e culto. Pero hai tamén cuestións infinitamente mellorables. Sorprende que as instalacións non tivesen outros contratos de mantemento e non estivesen en mellor estado, algunas vinculadas a unha empresa e outra administración están ao borde do abandono. Sorprende que non existisen mecanismos de organización interna, mesmo a nivel administrativo, que permitan que exista responsabilidade polas dúas partes.

- Cales son os puntos fortes?

-Desde a perspectiva do público, os resultados son elocuentes. Este mismo ano temos o Campeonato de Europa absoluto de hockey patíns masculino e unha proba mundial de roller derby, eventos que confirman que é unha cidade na que non distinguimos deporte maioritario de minoritario e xorden practicantes e aficionados. Dende a perspectiva máis profesional e organizativa, existe parte dese lastre pasado de que non houbo unha relación fluída nin unha organización impecable. É necesario que haxa unha responsabilidade mutua. O Concello non é un simple banco na relación coa cidadanía. A distribución debe ir en correlación ou en proporción a unhas prestacións. E desde a perspectiva do practicante, os resultados son excelentes. É unha cidade que destila deporte por todas as partes. É estimulante e un punto de partida para seguir organizando internamente este mundo.

- Os clubes sempre piden máis.

-Na relación coas entidades hai que ser rigurosos, realistas e honestos. Non é simplemente distribuir cartos. Hai que organizar todo un tecido. E pódese axudar doutras maneiras: apoiar, complementar, suplementar, difundir e organizar. E hai moitas fórmulas: convenio, liñas de subvencións, apoio de eventos, axudas a desplazamentos, creación de investimentos, mellorar as instalaciones deportivas, coordinar as instalacións de forma óptima... A nosa obriga é que ningún deporte se sinta desatendido. A nosa función é estar con todos e facerlles comprender que temos os nosos límites, pero que non hai límites para tratar de artellar algo conxuntamente.

- Rematadas as obras de Elviña, que outras actuacións levarán a cabo proximamente?

-A obra de Elviña era unha demanada histórica, o atletismo foi sen dúbida maltratado nesta cidade. Iniciamos agora as do estadio, a obra máis ambiciosa e custosa deste mandato. Temos encamiñado o inicio das obras do polideportivo do Castrillón, inauguraremos en breve os campos de San Pedro de Visma e cos orzamentos participativos xurdirá unha pista de patinaxe en Novo Mesoiro. Como engadido, tanto con Lete antes como con Míguez agora puxémonos en contacto para saber cal pode ser o destino das tres instalacións que leva Gaia, coa idea e vontade, se fose posible, que esas instalacións pasaran a titularidade ou xestión municipal.

- Ata que punto unha entidade pública debe financiar a un equipo profesional?

-É complicado. Por exemplo, na listaxe de convenios o Deportivo está fóra. A nosa obriga é apoiar na medida da posible. Tamén hai que ver o grado de rentabilidade do deporte, o difícil que é sustentar estruturas profesionais en deportes non maioritarios. Hai exemplos evidentes, como o Liceo, que ten un montón de desplazamentos. Esto ten que ver con como se organizou historicamente a xestión do deporte. O papel que xogou a administración creou estruturas de dependencia. É un risco. Ten sentido que a administración financie ascensos? Os clubes que aspiren profesionalmente a estar en lugares que requiren certa ambición económica deben ter patrocinios fortes e crear estruturas consolidadas. Certas operacións descabeladas e delirantes non se poden levar a cabo porque gobernamos para todos, o orzamento da área de deportes é limitado e debe servir para moitas cousas.

- Que é o que máis lle chamou a atención cando entrou na concellería de Deportes?

-De entrada, a variedade. Aínda que a un lle gusta, a vida é limitada en non pode estar en todo. Esta experiencia facilita estar en moitas cousas que non podería en condicións normais. Houbo moitos deportes que seguía minimamente e que me chamaron a atención.