Juan Domínguez, centrocampista do Deportivo, recoñeceu que vía o equipo coruñés capacitado para facer un bo arranque de campionato como o que está asinando e que intentará continuar mañá ante o Xetafe en Riazor.

"Sabía que estabamos capacitados para facer un comezo así de tempada", comentou o xogador na súa comparecencia ante os medios de comunicación, na que engadiu que o Dépor ten "moi bo equipo".

O xogador branquiazul explicou que aos deportivistas lles espera un partido complicado ante o Xetafe, no que intentarán levar a iniciativa no xogo.

"É un partido complicado, como todos, pero creo que nós temos capacidade para sacar os tres puntos se facemos as cousas ben. Non nos van regalar nada. Hai que competir ata o final. O Xetafe é moi bo equipo e, se non facemos o noso xogo, vai ser complicado", insistiu.

O xogador coruñés, titular indiscutible desde a décimo terceira xornada da pasada tempada en Segunda División, confesou que se sente máis cómodo este curso en Primeira que a campaña do descenso.

"O ano do descenso foi complicado, non nos saían as cousas, non tiñamos o dominio e xogaba nunha posición na que estaba máis incómodo que agora", argumentou o centrocampista.

O seu técnico, José Luis Oltra, mantívoo no once esta tempada a pesar das incorporacións do colombiano Abel Aguilar, co que comparte dobre pivote, e o portugués André Santos, suplente ante o Atlético Osasuna e o Valencia.

"Valoro positivamente que o adestrador me dea a titularidade porque hai moita competencia no meu posto e ademais perdinme por lesión unha semana de pretempada, que sempre prexudica un pouco. O adestrador confiou en min e téñolle que devolver esa confianza con traballo e bo xogo", sentenciou.