Comprobei que non son eu o único ilusionado co que se puido ollar o sábado en Riazor no partido diante da Real Sociedad. Hai moitos que saíron satisfeitos do partido. Non debo andar moi confundido. Pero hai unha cousa que me fai pensar que este curso pode ser moito mellor que o anterior, é ver que houbo futbolistas que teñen condicións de facer cousas importantes e non xogaron neste encontro. Homes como Arribas, como Luis Alberto, o propio Cartabia, que apenas xogou uns minutos, Luisinho? Alén de falar do uruguaio Jonathan, que vén como o atacante que resolva os atrancos co gol que vén tendo o Deportivo desde hai xa uns cantos aniños. Tamén me ilusionan os que aínda non tiveron protagonismo. Agardo non errar, porque as miñas previsións as veces saen do revés. Falo de sensacións. Percibo unha equipa chea de futbolistas e moi bos xogadores. Insisto nos comentarios que me chegan de lonxe, que din que nesta temporada o Deportivo estará pola zona tépeda da táboa. Ogallá, respondo eu. Tampouco toleo con mirar moito máis aló, e sabendo que hai que ser valente e tirar cara onde se poida, pero sempre con sentidiño. Ese sentidiño que teño, é o que teño e non hai máis, dime que este ano en Riazor se poden ollar cousas moi interesantes. Bo fútbol, unha equipa formada, traballada, e con aspiracións. Só faltan os goles e as vitorias. Pouca cousa non si? Merecidas por outra banda neste curruncho da península onde estamos fartos de outros asuntos que pouco ou nada teñen que ver con fútbol e que asolagaron a esta entidade sen compaixón nos últimos anos. Non falo dunha soa cousa, falo de moitas. A ver se é verdade que o acougo volve o clube e os seareiros só falan dos éxitos dos futbolistas, que son os que permitirán tamén éxitos económicos. Porque sen goles non hai cartos, sen cartos non hai xogadores e sen xogadores non hai goles. Xa... Un círculo. Como a vida mesma. Eu estou convencido que desta vai.