A pé de rúa

Un día grande cun grande Cardoso

13.12.2015 | 01:55
Un día grande cun grande Cardoso

Un punto co que eu non contaba, será porque non son home de fe. Ningunha, a verdade. Estaba ledo co comportamento do Deportivo mesmo co 2-0. Vin un traballo boísimo do equipo; unha posta en escena ben ensaiada, tanto que mesmo sorprendeu a Luis Enrique; e tamén a un conxunto que amosaba os dentes ao todopoderoso Barcelona. Malia que fosen de leite, como me dicía onte un amigo. O punto é ben merecido, porque houbo correspondencia entre o esforzo por defender a portería propia e o adicado para buscar a do adversario -quizais nesta faceta houbo algún desacerto, pero ímolo deixar aí-. E do novo Lucas marcando, sendo o home do partido, como está a facer desde que principiou a temporada. Mantén a racha e mantén, tamén, todos os focos sobre el. Pero onte un da Sagrada acaparou tamén parte de protagonismo: Álex. Alén de facer un partido sobranceiro, marcou un golazo. Certo que foi a pase de Lucas, pero había que metelo. Como tivo que facer o de Monelos despois do servizo de Cardoso. Velaí outro nome do partido: Miguel Cardoso. O portugués xa amosou as súas habilidades na Copa perante o Llagostera. Era un partido para el, que non se estreara na competición oficial. Pero onte, diante do Barça... Partidazo do exterior. Xogou como se estivese adestrando, como se estivese a competir co Fabril, con controis, caneos, pases e remates. Hai algo neste mozo, algo moi bo. Estivo apurado nalgún remate, certo, pero moi frío, preciso e intelixente no pase do gol de Lucas. Chapeu!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Información patrocinada
Enlaces recomendados: Premios Cine