Teñen festa preparada no Bernabéu co gallo da estrea de Zinedine Zidane como adestrador do Madrid. A bancada berraba demasiado nos últimos partidos e Florentino Pérez, contra quen tamén ían os asubíos, tirou polo camiño do medio e cortou a cabeza de Rafa Benítez, o anterior técnico e que viña de chegar neste pasado verán. Sonche así pola capital do reino, onde ollan a todos como vítimas axeitadas ou, no caso de ser un adversario forte, como un inimigo que compre derrubar a calquera prezo. O Deportivo sabe diso. Saíu vitorioso en Riazor durante case vinte anos e mesmo atreveuse a esnaquizar a festa do Centenariazo branco en 2002. Un aldraxe que non esquecen por aló e que pretenden devolver en cada visita. Hoxe non será menos. Teñen a festa de Zidane! Sonche moi festexeiros. Será porque teñen cartos, e a moreas, e por iso pretenden que as orquestras toquen sempre o seu son malia que soe mal. Lembro un partido de xeito especial no Bernabéu no que o Madrid gañou 3-1. Fixo catorce anos o pasado día 5 e cadrou, como nesta temporada, que era o derradeiro encontro da primeira volta. Morientes marcou cedo, aos cinco minutos; Makaay empatou dos despois ao transformar un penalti que lle fixeran a Víctor; Zidane anotou para o Madrid aos nove e Raúl cerrou a conta no 64. Un moi bo partido. Nada que reprochar pola derrota. Pero daquela eu quedara matinando en algo que me dera voltas moito tempo ata chegar a dúas posíbeis conclusións: que os seareiros do Bernabéu non sabían de fútbol ou que estaban moi mal acostumados. E de fútbol debían, e deben, saber porque por alí pasaron os mellores equipos e futbolistas do mundo, especialmente rivais. Quedei con que estaban mal acostumados e non aceptaban que as normas que rexen no fútbol son as mesmas para todos, pensan que para eles hai outras, que poden dar patadas sen que asubíen faltas, que poden darlle o balón coa man sen que se pite nada e cousiñas así. Aquel día pitara Undiano Mallenco e para min estivera perfecto. Saíu no medio dunha rifa que eu non daba crédito. Quizais por iso ao Rayo Vallecano e á Real Sociedad lles aconteceu o que lles aconteceu hai nada. É o que lle agarda hoxe ao Deportivo. Pase o que pase non deixa de ser un equipo de provincias. Abondaríame con que fose quen de meterlles un dedo nun ollo -sentido figurado, por se acaso-, pero non conto con nada. So penso na Copa. Ogallá estea errado.