É hoxe día para recuperar o camiño despois de catro partidos consecutivos sen gañar, incluído o da Copa en Miranda. A última vitoria dos albiazuis data do 19 de decembro -perante o Eíbar-, xa hai case un mes. Demasiado polo vicio que teñen os seareiros de bos resultados no curso actual. E digo que hoxe é bo día para voltar ao rego porque entre o Deportivo e o Mirandés hai diferenza, porque o equipo coruñés xoga en Riazor e ademais farao perante un adversario necesitado. Non digo que vaia ser doado, para nada. O Mirandés está morto agora mesmo na competición, precisa marcar para seguir ou morrer matando. Xa o avisara o seu adestrador, Carlos Terradas, cando rematou o partido de ida: "Si el Deportivo quiere pasar tendrá que ganarnos". Advertencia de que virá a marcar. En insistiu onte. Xa eliminou ao Málaga gañando na Rosaleda. É un dato. É o normal. Pero o Deportivo é superior e o ten que amosar. Velaí a listaxe de Víctor Sánchez para este encontro, na que están futbolistas ausentes nos tres partidos anteriores da Copa, entre eles está Lucas. Por aquí somo moitos os que pensamos que o Deportivo pode facer moito nesta edición malia que en cuartos quedarán equipos poderosos e mesmo superiores aos coruñeses, pero para seguir soñando hoxe cómpre gañar, para non ofrecer dúbidas. E volver ao rego. O deportivismo e o equipo o precisan, malia que diante estea un equipo en teoría inferior, pero que ten soños, como os albiazuis, e fundamentos futbolísticos para facer dano. O Mirandés ofrece moito máis que garra e patada a seguir. O equipo de Terrazas amosou na ida que xoga organizado e que sabe tratar o balón cando lle convén e facer xogo directo cando lle interesa. Unha combinación interesante da que por acó tamén sabemos algo. O técnico vasco dixo onte que veñen ao ataque e Víctor tamén presenta un once moi ofensivo iso que de partida abóndalle con non encaixar, supoño que prefire non arriscar e dar o primeiro golpe indo de cara a polo partido. Quizais tamén sexa o que hoxe lle esixa Riazor.