Non vou falar do partido da xornada 37, porque sería analizar o xogo dun equipo que ata o de agora agora foi quen de ceder puntos na casa ante rivais asequibles, fóra ante rivais de nivel similar e que foi á deriva durante unha gran parte da tempada, nunha evidente falta de manexo do timón. E con todo, é quen de gañar onde caeron os equipos máis importantes da Primeira División española.

E é que si falamos desta xornada e da salvación definitiva do Dépor, traeríame á memoria a última quenda da tempada pasada, ou ben poderíamos estar falando do resultado do Granada nesta mesma xornada 37, por exemplo.

Preocúpame máis o agora co que dou nome a este breve comentario. E preocúpame porque toca tomar decisións aos responsables que xa o fixeron con anterioridade, e aos resultados remitímosnos/remitímonos.

Nunha fase desta actual Liga, eu mesmo fixen pública a miña aposta por Víctor Sanchez, eran os tempos nos que se estaba construíndo un equipo iniciando a tempada, e con iso, unha idea de xogo. Magnífica idea da que nun momento determinado, pasouse a ser infiel.

Isto e decisións de desorganización interna, levaron ao Deportivo á deriva. Por iso me preocupa o futuro, porque os responsables son os mesmos, e porque o Deportivo non é soamente o primeiro equipo, porque hai un Deportivo B (Fabril) e unhas categorías inferiores que necesitan dunha reestructuración.

Labor ardua a que lle espera a Tino Fernández, ou aos seus asesores, ou quizá, ao responsable do área deportiva. Pero hai que pilotar, xa non abonda esperar a que a tempestade do mar amaine e que a nave aboie por si soa. Xa non.

Chegou o tempo de definir dunha vez por todas, cales son os obxectivos en forma de rumbo que os responsables do club buscan e sobre todo, toca estar á altura dun lobo de mar para vencer con solvencia os temporais que inevitablemente se dan varias veces durante unha travesía pola elite do fútbol español. E nesta travesía, non podemos deixarnos en terra o baúl das categorías inferiores.

Por iso pregunto aos responsables, e agora que?