Étempo de morder os dentes e traballar sobre o verde, porque o momento non está para seguir amolando. Xa non é, na miña opinión, porque o Deportivo quede fóra da Copa, que tal como está montada é un estorbo, é polo que ofrecen algúns futbolistas en cada partido. De Cristóbal nada se pode dicir con dous adestramentos que leva e que ten un grupo de xente que ten que converter en equipo. Precisa tempo, aínda que non sobra. Creo que xa o sabe. O mal de onte, como o de anteriores partidos, atópoo en que hai futbolistas que non acadan o seu nivel e non se sabe moi ben a causa. Os dous primeiros goles son... non sei xa como dicilo porque Juanfran convidou a Vitolo a chegar ata Tyton, e o porteiro polaco segue sen facer unha parada que dea puntos, vitorias. O primeiro gol é evitábel, e penso que tamén o terceiro. Claro que non é o único responsábel de que o deportivo non sexa quen de rematar case ningún partido sen encaixar -só dous dos nove da Liga-, pero tivo oportunidades para amosar que podería ser o dono da portería se ofrecese máis seguridade e algunha confianza aos seus compañeiros. Onte amosou outra vez que non está nestes momentos para ser titular. Do mesmo xeito podo dicir de Sidnei. Que pasa co brasileiro? Onde anda? Xoga tan sobrado que acaba cometendo erros que fan moitísimo dano ao seu equipo. Ten moito que arar Cristóbal, moitísimo. Eu manteño o que dixen antes de que comezase a Liga, o Deportivo ten un bo plantel, pero tamén hai que traballalo en darlle un xeito.