Botei unha semana sen falar de fútbol, malditas gañas tiña, agás por asuntos profesionais, pero xa ía sendo hora, sobre todo con xente como adoita haber nesta cidade que é sempre positiva. Onte cuns veciños veteranos comprobei que o pesimismo está xa asentado e que hai mala solución a esta temporada, falo de xente que viviu a Terceira e todo o demais. "Eu colábame no estadio por debaixo das portas antigas", lembraba un dos seareiros, e é certo, por baixo desas portas que xiraban podía caber un cativo. Falaron de Especial de Niños, das carreiras que daban entre esta localidade e a de Marcador -"non sei para que porque se vía peor desde a outra, pero sería porque era costume"-. Falaban e falaban mentres eu escoitaba e aportaba un chisco. A conclusión é que esta xente, e outra como ela, está amolada diante do que se aveciña, pero non polo descenso en si, pois "baixamos moitas veces", senón porque todos, todos, os que participaron nesta conversa están convencidos de que hai "moi bo equipo". Eu concordo con esta apreciación, está escrito e tento ser consecuente co que digo e co que escribo -malia que iso supoña ser aburrido-, pero non vou mudar. Será que en San Roque vemos as cousas doutro xeito. O asunto é que non sei, nin me corresponde sabelo, porque o equipo está onde está. Non o sei, pero sigo dicindo que este equipo gustábame.