Xa está todo o peixe vendido porque a praza pechou e a caldeirada será co que hai: os que estaban ademais de Koval, Bóveda e Krohn-Dehli. Tres reforzos, pero ningún para o posto que segundo semella máis precisa o equipo, ese mediocentro de posición con carácter e xerarquía defensiva, sobre todo. Porque era a parcela defensiva -que non a defensa- o que máis necesitaba de axuda para evitar a cantidade de goles que encaixa o equipo e que non mellorou nada malia a cambio e adestrador. Un conxunto que en vinteún partidos só foi quen de deixar o seu marco a cero en tres partidos, o último perante o Leganés aló polo 9 de decembro. Chegou un porteiro, quizais necesario porque só estaba Rubén para dar nivel; chegou un defensa, Bóveda, para reforzar a banda dereita -con posibilidades do centro da zaga- e contundencia e tamén chegou un centrocampista que é quen de facer moitas cousas, pero que ten a ollada cara arriba, tanto para axudar aos compañeiros como para solucionar el mesmo. Sabe defender, pero en axudas. O seu, seguro que se nota, é outra cousa. Moito traballo de despacho, pero sen o resultado desexado, en parte polos cartos, algo que vai influír noutros resultados, que son os que se producen nos campos. tamén afecta a outro eido do deportivismo, á ilusión. Porque había moito desencantando con atoparse a algo ao que agarrarse para chegar ata finais de maio, que é cando remata o curso. A verdade é que con Bóveda é Krohn-Dehli a min abondaríame se houbese quen marcase terreo no centro do campo, quen marcase territorio como fan os cans, porque cara arriba xa había moito e agora hai un pouco máis co danés. Se abonda o que chegou ou non vano dicir os resultados, e tamén o adestrador. Cristóbal ten, ao meu ver, un suspenso, que o equipo segue a encaixar en cada partido e niso o adestrador ten moita responsabilidade, alén dos erros individuais. Son xa meses mandando malia que o equipo non o fixo el; pero sonche xa meses.