O delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, solicitou este mércores á Xunta de Galicia que "non renuncie ao diálogo" entre axentes na "busca de solucións" para conseguir a viabilidade dos tres aeroportos galegos.

En referencia á ruptura das negociacións para o mapa de rutas de 2011 no seo do Comité de Rutas Aéreas, Antón Louro fixo un chamamento ao diálogo como "instrumento de traballo eficaz" e "imprescindible" para "potenciar e consolidar o desenvolvemento" dos aeroportos de A Coruña, Santiago e Vigo.

Consecuentemente, o representante do Goberno estatal defendeu a necesidade de afirmarse "na misión e na tarefa de posibilitar a converxencia de estratexias e intereses nos tres aeroportos de Galicia", para o que reclamou diálogo.

Na mesma liña, Louro recordou que o Executivo central está a realizar "importantes investimentos" nestes aeródromos "para mellorar as súas prestacións e capacidades" co obxectivo de "incrementar o tráfico aéreo" en Galicia, crear emprego e "fomentar a actividade turística e a dinamización económica".

Ademais, reiterou o "firme compromiso" adquirido polo Ministerio de Fomento para "garantir a viabilidade" e o futuro das terminais de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, "compromiso que se traduce en ambiciosos proxectos que se atopan" en fase de execución nestes momentos".