A Marcos Pereiro o tempo dalle para case todo e se non, búscao. Integrante do dúo cómico Os dous de sempre -xunto con Xosé A. Touriñán, co que tamén rexenta a sala The Star e a produtora AiraPro-, hoxe exercerá de maestro de cerimonias da final do segundo certame de música ao vivo Querostar.

Organizado a través da páxina web www.querostar.com, nesta ocasión presentáronse un total de 135 grupos, dos que os internautas e un xurado escolleron dez. Todos eles tocaron na sala The Star, en Carral, e tras novas votacións, escolléronse ás catro bandas que tocarán mañá na final: Moondog Blues Party, Moon Cresta, Neverside e Noc. O certame convértese así, como subliña Pereiro, nun bo xeito de descubrir xente, grupos que se atopan fóra dos circuitos oficiais.

Por outra banda, Queroestar non é un certame musical ao uso. Inclúe una serie de extras que o fan único. Os concertos pódense ver en streaming por internet e a maiores dos catro premios principais -1.000, 500 e 300 euros e unha hora de gravación nos estudos da Radio Galega- únense os galardóns á mellor crónica musical e ao mellor marketing en redes sociais. A Pereiro e cía. sóbranlle as ideas -"vivimos diso"- e os cambios introducidos este ano no certame son, máis que nada, "a nivel tecnolóxico", como explica o actor.

Preguntado por que fai falla para converterse en empresario e que lle diría á xente para animala a materializar as súas ideas en tempos de crise teno moi claro: "O primeiro, que hai que ser inconsciente e despois, xa que o eres, tirar para adiante. Non parar en seco, facer as cousas e tentar facelas máis baratas. Como se di, as grandes ideas veñen precisamente en tempos coma estes", opina.

Ideas coma o Queroestar e novos proxectos dos que non adianta nada porque son "todo sorpresas". Á espera das novidades, a cita é hoxe na sala The Star, a partir das once da noite.