Ás mozas, dende ben pequenas, ensínasenos a obedecer. Sen dúbida a disciplina é tamén parte da dinámica de calquera deporte en equipo, onde a harmonía de forzas resulta fundamental. Porén, hai momentos onde a desobediencia é o mellor dos exercicios, como demostra a xogadora de baloncesto Diana Taurasi, que corre o risco de ser multada con máis de 500.000 euros se non acata o "novo uniforme" adoptado pola FIBA. Seguramente a Taurasi non lle dixeron cando asinou contrato que o seu corpo (as curvas, as pernas) ía ser reclamo publicitario. Tampouco que todo o seu esforzo colosal na cancha e fóra ía quedar resumido a iso, se ben todas aprendemos dende pequenas que podemos ser mesmo xogadoras de baloncesto, sempre e cando sigamos mantendo o noso valor sexual estándar.

Seguramente poñer a Beckam en calzóns ou a Cristiano Ronaldo atraería máis mulleres ao fútbol, pero dubidamos que tal medida fose nunca nin proposta nin aprobada polos propios afectados, porque eles están aí para xogar, poñerse en calzóns por cartos fano nas horas libres.

A perversión da vestimenta vai aínda máis lonxe. Se as xogadoras son un dos poucos exemplos para as poucas nenas e mozas valentes que fan do deporte a súa vida, dubido moito que converterse en obxecto sexual as vaia motivar. Iso é o que pasa cando as mulleres teñen que traballar en entornos -a maioría- onde os homes toman as decisións. E por iso a desobediencia de Taurasi é a única alternativa, unha liberación da que todas debemos tomar exemplo.