Xosé Manuel Rei Sánchez (A Coruña, 1973), profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, presentou o pasado vernes no centro cívico de Arteixo o seu último libro, Lingua galega e variación dialectal (Laiovento, 2011) convidado pola Asociación Cultural Monte da Estrela. O escritor móstrase moi satisfeito coa "boa acollida" deste estudo sobre a lingua galega.

-De onde xurdiu a idea de escribir este libro?

-Xurdiu como produto da miña docencia na facultade e, tamén, porque non había unha obra dedicada á variación dialectal pensada para o galego que se centrase en cuestións netamente teóricas.

-Explica que as variacións dialectais son esenciais para a sobrevivencia dunha lingua.

-Non é exactamente así. Todos os idiomas teñen unha característica fundamental, que é que varían pola idade, sexo, profesión ou situación xeográfica, por exemplo.

-Sempre hai variacións

-Así é, mais o que nas outras linguas é visto como unha cousa boa, no galego é sentido como algo malo, que é un dos preconceptos que rebato no libro. A variedade lingüística é enriquecedora en todas as linguas e tamén na nosa, que non está tan fragmentada como se di. Son xuízos de valor que non teñen base científica.

-Por que os dialectos teñen unha connotación negativa?

-No caso do galego as variedades dialectais vense aínda peor porque a propia lingua tamén se percibe negativamente. Falar español dialectal pode estar mal visto, mais usar unha variedade de galego que non se considera estándar pode estar aínda peor considerado porque o galego aínda non recobrou a posición que debe ter na sociedade.

-Está vostede a favor da estandarización do galego?

-O galego ten que ter unha variedade estandarizada o más próxima posíbel do portugués para o seu uso no ámbito público, na escola, na administración, etc. Sería un caos que cadaquén escribise como quixese.

-En que momento se encontra o galego?

-O futuro da nosa lingua non está asegurado debido á situación lingüística da Galiza, en que cada vez ten máis presenza o español. Nesta situación ten moita responsabilidade política o actual goberno da Xunta e algúns programas da televisión, en que actuaron grupos como Os Tonechos ou As Cantareiras de Ardebullo, que tratan a lingua como esterco, non a dignifican, denigran o idioma.

-Fala vostede do coruño e do ferrolano: considéraos dialectos?

-Ningún pode considerarse variedades do galego,senón mesturas: no caso do ferrolano, de palabras estranxeiras, galegas e ciganas; e, no caso do coruño, de palabras propias de profesións ambulantes, dos ciganos e até de grupos marxinais.