Ninguén lembra. É o título da primeira novela da sadense Vanesa Santiago (Fontán, 1983). As súas páxinas introducen ao lector nun mundo máxico tecido de lendas e contos concebidos pola autora, que se estrea na literatura da man de Urco Editora, especializada no xénero fantástico en lingua galega.

A protagonista é Daia Dalúa. Unha moza. Algo pouco habitual no xénero preferido desta escritora, bibliotecaria, fanática de J. R. R. Tolkien, as lendas artúricas, os mitos fineses de Kalevara, as películas de aventuras dos oitenta, como Willow, Os goonies, A guerra das galaxias... "A muller soe carecer de protagonismo no xénero fantástico, e Daia foi para mín unha forma de reivindicalo", explicaba onte Vanesa, que ven de presentar a súa primeira novela na capela de San Roque. O acto foi organizado pola editora coa colaboración da Asociación Irmáns Suárez Picallo. A presentación foi todo un éxito. Ni unha cadeira quedou baleira. "Estou moi contenta. Non me puxen tan nerviosa como pensaba", responde espontánea.

Vanesa Santiago adicou más dunha década a crear o mundo máxico de Daia Dalúa e a súa aventura iniciática en pos de Degon Aerinaira. "Imaxinar os contos levoume dez anos e tardei tres ou catro en escribilos", relataba onte esta sadense, que cando comenzou a construir o mundo de fantasía de Ninguén lembra non imaxinaba que os seus contos acabarían entrelazados nesta voluminosa novela.

O seu traballo na biblioteca contribúe a encher de fantasía a mente desta xoven escritora, que tamén sacou partido ao desemprego. "Foi a parte boa do paro, aproveitei para escribir como unha tola", bromea a sadense, que xa ten en mente novas aventuras. - quén sabe se formarán outra novela.

Vanesa Santiago ten ademais un alter ego na Rede que lembra á súa heroína na ficción. Polo menos no nome. Nos mares de Internet a escritora é coñecida como Dúas Lúas. É a creadora do blog Maleducadas, centrado precisamente en promocionar a literatura escrita por mulleres. Este blog serve tamén agora como escaparate da súa primeira novela, na que consegue paradóxicamente que o lector reteña na súa memoria esas lendas, fábulas e antigos relatos que Ninguén lembra.