Unha sinxela historia dunha nena que intenta domar un peixe será o punto de partida para a promoción da lingua galega. Ese é o obxectivo de Os Axóuxeres, un programa da Xunta que este ano empezará en Arteixo. Un dos actores, Gonçalo Guerreiro, explica que esta historia permite "desenvolver un léxico verbal" relacionado co mar e a auga.

Será unha actuación que contará tamén con música en directo. "Será un espazo de soño e de disfrute", asegura. O propio Guerreiro ofreceu onte unha pequena demostración dos temas que tocará cando representen a obra de teatro. Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son algunhas das cancións que interpretarán acompañados dos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais.

María Torres será a outra actriz que esterá no escenario. Conta que o buscan con este programa é "promocionar a lingua galega" e lograr que os nenos teñan "amor propio polo noso". A historia trata dunha nena que intenta salvar o seu peixe dun pescador.

María Torres e Gonçalo Guerreiro forman parte da compañía teatral Elefante Elegante. A primeira actuación será mañá sábado ás 18.00 horas no centro cívico cultural de Arteixo. A entrada é de balde con reserva previa ata completar a capacidade do auditorio. As persoas interesadas en participar cos seus bebés ou nenos (de ata seis anos de idade) poderán inscribirse hoxe de 10.00 a 13.00 horas no teléfono 697 363 089.