A luz artificial foi un dos maiores inventos de humanidade. Salvador Bará é un veciño de Arteixo que é profesor de Óptica e Física na Universidade de Santiago de Compostela e que acaba de publicar o libro E fixemos a luz! no que conta esa historia. Nun dos capítulos advirte dos problemas que pode xerar un mal uso deste invento, que pode privarnos de ver o ceo. Fala da contaminación lumínica. Salvador Bará, que reside en Arteixo, explica que desde a súa casa só pode ver "unha ducia de estrelas" porque o ceo "brilla demasiado" por culpa do exceso de luz artificial na noite.

En Arteixo instalaron uns focos nos pasos de peóns das principales estradas no municipio. Bará explica que este tipo de medidas "son unha boa idea" para aumentar a súa visibilidade, pero advirte de que mal colocadas poden conseguir o efecto contrario do desexado, xa que poden cegar aos condutores. "É necesario axustar os niveis de iluminación do resto da calzada. Se todo está demasiado iluminado, nada resalta ben", sinala este veciño do concello. Un mal uso das luminarias pode xerar efectos non desexados. "En contra do que comunmente se pensa, non sempre veremos mellor por termos máis luz", destaca. Bará explica que no caso das lámpadas con LED deben instalarse "adecuadamente" para evitar que ceguen aos condutores. "Ben instaladas son una boa opción", afirma.

Salvador Bará tamén alerta de que "Arteixo é un concello con problemas importantes de contaminación lumínica" como o son moitos de Galicia e da Península Ibérica. Este profesor asegura que envíase "inutilmente demasiado luz" cara ao ceo. "Afecta negativamente ao medio ambiente e cada vez hai máis evidencias científicas sobre os seus efectos na saúde", afirma. Esta luz impide contemplar as estrelas do ceo. Salvador Bará explica que desde a súa casa "nunha noite calquera vense soamente unha ducia de estrelas" pese a que o ceo é igual de "impresionante" que o que pode verse nas montañas orientais de Galicia.

Bará escribiu o libro con motivo do Ano Internacional da Luz, que se celebrou en 2015. Acabaouno a finais de decembro e empezou a presentalo o mes pasado. Fíxoo en Santiago de Compostela e A Coruña. Este profesor ten claro que con menos luz "veríase perfectamente"afectando menos ao medio ambiente.