As artistas encargadas de seleccionar as cancións que continúan na segunda fase do Quero Cantar, o concurso promovido pola Deputación, valoraron antonte as 17 cancións admitidas na primeira fase e seleccionaron dez delas, atendendo a criterios como a calidade musical e literaria dos temas ou a súa adecuación ao público infantil.

As cancións que continúan andaina nesta primeira convocatoria do certame son: Escola, de Xente Miúda de San Orente (Serra de Outes); Eu vivo, dos bananas, (A Coruña); A árbore tropical, de Leila Santos (Porto do Son); Soños, do grupo da Escola Manuela Rial Mouzo, (Cee); Antón, de Proxecto Nordés (Cee); Durme, Elsiña, de Colaxe, (Laxe); Queremos cantar, do grupo Cantadeiras, do colexio Camiño Inglés (Oroso), Imos ver, do grupo Canta con nós, (Ferrol); Samaín, da Banda batuke do Colexio fillas de Xesús (A Coruña); Miña terra galega, de Aarón e Miriam (Culleredo).

O vindeiro luns dá comezo a segunda fase, unha votación aberta ao público no Facebook de Quero Cantar, cuxo propósito é escoller as cinco cancións que no vindeiro mes de xuño han participar na gala final.