Unha sala chea de mulleres sentadas para ver un documental. Pero preguntabas á rapariga que tiñas ao lado e resulta que era Andrea Ferreiro, campiona do mundo no 2104 de hockey liña. E na mesa estaban dúas campionas galegas de ximnasia artística, unha medaia de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres en vela, unha surfista campiona de España ou unha atleta internacional... A sala da sexta planta da Deputación era onte á tardiña unha reunión de campionas, de mulleres abraiantes polo seu esforzo, perseverancia, sentido do sacrificio e talento. Acudiron a ver o documental Contra os elementos, un proxecto da área de Igualdade da Deputación para "dar visibilidade ao deporte feminino". O proxecto pode verse en www.contraoselementos.gal.

O documental inclúe entrevistas a destacadas deportistas e adestradoras galegas en deportes coma o boxeo, o rugby, o fútbol, o atletismo, a vela, o surf, o parapente e a ximnasia artística. O traballo audiovisual amosa declaracións destas mulleres e imaxes delas mentres adestran e en competicións, amais doutras familiares, sendo nenas.

Que se vexan os deportes femininos, os seus triunfos e as barreiras que teñen, desmontar prexuizos de xénero, apoiar valores coma a superación e o esforzo e darlle un modelo a seguir ás adolescentes, son algúns dos obxetivos deste documental de cincuenta minutos que produciu a empresa Esferobite.

"O documental está moi ben, todas nos sentimos identificadas co que se ve aí, pero creo que debían proxectarllo a eles, son eles os que teñen que sentir ese orgullo por nós", contaba a campiona de hockey de vinte anos Andrea Ferreiro. "É inxusto que nos valoren menos ás mulleres por facer un mesmo traballo e esforzo", sinalou na presentación deste traballo Elena Sadia, gañadora do Campionato Galego de Ximnasia Artística 2016.

No documental as grandes deportistas galegas deixan claro que aínda queda moito por facer para erradicar os prexuízos no deporte e acadar a plena igualdade.

"Cando entrei na primeira selección española de boxeo feminino os homes leváronos para o centro de alto rendemento de Madrid e ás mulleres mandáronos para Murcia e o material que nos diron era o que xa usaran e non querían os homes", conta a grandísima campiona Marta Brañas, número un do boxeo en España e a primera muller en debutar en Estados Unidos como boxeadora profesional.

Estas deportistas de alto nivel tiveron que aguantar cómo as chamaban "perucho, marimacho" de nenas cando facían deportes coma o boxeo ou o rugby que os estereotipos din que non podían facer. "De pequena sempre me gustaron moito os deportes e sempre estaba subida ás árbores, tirada polo chan... Miña nai reñíame, dicíame que así cando fora maior tería as pernas cheas de feridas e non ía poder poñer pantalón curto", relata Brañas.

"Hai unha igualdade aparente, e no deporte de alto nivel non esperan grandes resultados das mulleres", di no documental Ruth Ballesteros, que empezou de nena facendo esgrima, logo rugby e natación e hoxe é adestradora de pentatlón na Federación Galega e mestra do Clube de Esgrima 100Tolos. "A maioría de árbitros e xuices son homes, o número de mulleres é moi reducido", conta tamén a regatista Sofía Toro, ouro nos Xogos Olímpicos.

No documental non so saen deportistas de competición, tamén mulleres coma Maricarmen Gómez, que practica parapente dende hai vinte anos e que onte, no acto de presentación deste audiovisual, contou que levou aos seus fillos dende moi pequenos con ela nunha mochila para voar. "O deporte une moito ao facelo en familia, hai moitos momentos de complicidade cos fillos", destacou Gómez.

Elas co deporte síntense felices e sobre todo "libres", como destacou Isabel Gundín, campiona de surf.