En datas recentes, a entidade que presido, Santa Cruz Aberta ao Mar, publicou un comunicado criticando o feito de que Ángel Garcia Seoane chamase aos coruñeses a mobilizarse polos terrenos da Solana, que a Autoridade Portuaria pretende subastar, entrando numha clara contradicción coa sua actitude no concello que el governa respecto da parcela do Maxi en Santa Cruz. A contrarréplica do Alcalde de Oleiros chegou dende a Cadena Ser, en forma de insulto; insultos contra min absolutamente inxustificados e desproporcionados e insultos e desprezo contra a nosa associación. Non hai maior desprezo que a negación, o problema é que por moito que o señor García Seoane negue a existencia de Santa Cruz Aberta ao Mar, sabe que a asociación existe legalmente, e que moito antes de que existise como tal xa existia a plataforma co mesmo nome. Dicir que Santa Cruz Aberta ao Mar a inventei eu é simplesmente mentira. Que quen somos? Pois depende...o núcleo duro da associación é con certeza un número reducido de persoas, a corrente de opinión que representamos é bastante mais ampla e nela haberia que incluir como mínimo as duasmil persoas que asinaron cando recabábamos apoios contra o hotel, alén de todas as persoas que non o fixeron por medo a posibles represalias. Das parvadas que di García Seoane respecto do que reivindicamos, nada que comentar; repetirse é unha perda de tempo. As hemerotecas conteñen información bastante esclarecedora sobre esa cuestión. Preguntas que García Seoane nunca responderá: Seguimos sen ter resposta para moitos interrogantes que se abren a esta altura dos acontecementos. A primeira pregunta é: porqué nunca o Alcalde quixo falar con Santa Cruz Aberta ao Mar? Como asociación legalmente constituida que representa intereses lexítimos, temos dereito a audiencia. Darnos audiencia non compromete a nada; simplesmente a escoitarnos. En todo caso, se tan poderosas e incontestables razons lle asisten, porqué cada vez que lle mencionan o tema responde insultando? O que nos leva ao manifestado anteriormente: invócase á mobilización popular na Coruña polos terrenos da Solana e en Oleiros difámase e insúltase a toda unha corrente de opinión formada por centos de persoas que discrepa pola ubicación dun hotel. Algo non encaixa en todo isto... O que temos claro en Santa Cruz Aberta ao Mar é que as consecuencias de constroir o novo hotel só poden ser negativas. É restaurar un problema que se poderia ter corrixido; o tapón urbanístico que tapaba un ángulo estratéxico da costa e ocultaba o emblema do noso povo; o castelo. Pero García Seoane espera secretamente algunha contrapartida ou beneficio desta operación: Cal será? Algo terá en xogo o Alcalde de Oleiros para tomar partido a favor de intereses particulares tan paladinamente.