"De actividades deportivas estamos ben pero de actividades culturales no rural non temos nada. Queremos que o rural teña as mismas oportunidades que as zonas urbanas. E abordamos todos os temas que teñen que ver coa muller", explica a presidenta da Asociación de Mulleres As Berenguelas, Pilar Iglesias. A entidade comezou a súa andaina con decisión e en tan só medio ano de traxectoria conta xa con 70 socias e varias actividades de diversa índole ás costas. Agardan a concesión dun local por parte do Concello para estabilizar a súa labor, que por agora desempeñan na maior parte dos casos na reitoral de Celas á espera de que se concrete a posibilidade de asentarse la antiga unitaria desa parroquia.

"Pensamos organizar talleres de distintos temas, desde informática ata acerca da menopausia ou a sexualidade, e pediremos ao Concello que poña na zona máis rural actividades como teatro ou bailes de salón. Queremos facer un musical", avanza a presidenta. Presentacións de libros e charlas ou a proxección de películas "dirixidas a mulleres, que afonden en temas como a violencia de xénero ou a autoestima", figuran tamén entre os plans das Berenguelas. Estas mulleres rurais tamén teñen no punto de mira a temática relacionada coa maternidade e a crianza dos fillos, aínda que "a medida de idade desta asociación é de arredor dos 50 anos", asegura Iglesias. "Ás mulleres mais novas cóstalles", afirma. Nesta liña, As Berenguelas organizarán unha presentación e tertulia do libro Máis aló do azul e o rosa, actividade para a que buscan unha data que se acomode aos horarios das socias, "porque ou traballamos ou temos a alguén ao noso cargo", explica a presidenta.

Iglesias prevé que a instalación nun local permita fixar con maior regularidade a actividade da asociación e, ao tempo, gañan en peso e en número de socias. Afirma que os técnicos do Concello lles explicaron que a opción de utilizar a antiga unitaria de Celas se vai retrasar sobre o previsto, pero asegura que polo de agora sempre que solicitaron por rexistro a utilización da reitoral se lles outorgou sen problema.

Iglesias garante que o Concello se amosa colaborador con elas. "Sempre foi un concello punteiro na área de servizos sociais e de muller", sostén. Foi a Administración local a que lles indicou que debían asociarse para, como pretendían, contar con axuda municipal para a realización de actividades e a disposición dun espazo público, obxectivos que foron concretando pouco a pouco a partir do xarmolo que supuxo a organización dunha cea de mulleres rurais, que leva xa tres edicións. "Xa no primeiro ano fomos 130 mulleres", conta Iglesias, quen lidera esta entidade froito de decidir que querían ir a máis.