- O pleno aprobou as bases en novembro e chega a pleno en xuño. Costou moito tramitar o Plan Único?

-Non é que costase moito, aínda que haxa quen diga que o plan chega con retraso. Hai que ter en conta que antes Deputación aprobaba o POS [Plan de Obras e Servizos] en febreiro ou marzo, pero posteriormente levaba o PAI [Plan de Aforro e Investimentos], despois o PAS [Plan de Acción Social] e durante eses meses aprobaba tamén diferentes liñas de subvencións. Agora aprobamos todo o que antes levaba un ano nun pleno extraordinario en xuño. Eu penso que se aproba vertixinosamente e que é para felicitarse e aplaudir aos funcionarios.

- O novo modelo suscitou moitas dúbidas nos concellos á hora de tramitar as solicitudes?

-Xerou dúbidas, pero aos concellos hai que aplaudirlles tamén, fixeron moi bo traballo e demostraron unha madurez inmensa. No plan están os 93 da provincia coa documentación practicamente completa, salvo aquelas obras que precisan dun permiso extraordinario, que sempre tarda algo máis. É unha demostración de madurez política das administracións da provincia.

- O PP denuncia que os concellos reciben menos fondos que co anterior modelo de reparto...

-O orzamento do plan único se incrementará con cargo aos remanentes do exercicio anterior, a través dun plan complementario que xa conta con 20 millóns de euros. Os concellos van recibir, como mínimo, a mesma cantidade que o ano pasado. Eu penso que estaremos en torno á cantidade económica que fomos capaces de transferir en 2015, que foi un ano extraordinario.

- A canto ascendera?

-Non lembro exactamento, en torno aos noventa e algo millóns.

- Non temen que os concellos destinen menos fondos a cultura ou deportes por suprimir as liñas específicas de subvencións?

-Non debería ser así. É certo que antes había liñas específicas de axudas ás que todo o mundo concurría, pero os concellos poden utilizar o plan para o que queran, para cultura tamén. Os concellos teñen que ser o suficentemente maduros como para saber onde deben priorizar. O meu departamento de Cultura no Concello de Carballo por exemplo vai ter máis diñeiro que coas anteriores liñas de subvencións. Eso depende da liña política de cada goberno local e as súas prioridades pasarán un control cada catro anos, nas eleccións. O truco da democracia é iso.