O número 63 da avenida das Mariñas en O Carballo é unha casa vella ao pé da carretera Nacional VI que está a punto de virse abaixo de pura ruina. Unha vivenda na que ninguén repara e que calquera día desaparecerá. Só os veciños da zona lembran que hai moitos anos alí había unha taberna, casa de comidas e ultramarinos, no piso de abaixo, chamada A Borna, e enriba vivían Ramona e a súa filla Carmen Temprano Salorio, unha guerrilleira antifranquista que tiña como alcume A Moza, e que morreu despois dun tiroteo coa Garda Civil. Estaba con ela José María Castelo Mosquera, Casteliño, veciño de A Xesta (Iñás), que tamén foi asasinado xunto con outros compañeiros en 1949 en Val do Dubra. Estes dous guerrilleiros de Oleiros son os que o BNG homenaxea este ano na celebración do Día da Galiza Mártir. O acto será hoxe domingo ás 19.00 horas na praza da Liberdade de Nós e falará o deputado nacionalista Luis Bará e logo actuará o grupo de cantareiras Barallocas do Amanexo de Dexo e Miro Casabella.

Manuel Ferreiro, integrante histórico do BNG de Oleiros, fixo un ano máis un traballo de pescuda e entrevistas entre os veciños e familiares destes dous loitadores con motivo do acto de hoxe. "Carmen sempre dicía se Castelo marcha, eu voume con el", contáronlle a Ferreiro. E así foi, José María Castelo formaba parte da guerrilla que actuaba na zona dende 1943.

A guerrilleira foi ferida en Beldoña (Abegondo) o 20 de xullo de 1948 pero logrou fuxir co resto dos compañeiros ao monte. Carmen e Castelo, xunto con outros membros, formaban parte do destacamento Manolito Bello, según a investigación da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica. O 5 de marzo de 1949, estando aloxados nunha casa en Negreira, foron sorprendidos pola Garda Civil na Casa de Carmen Teiga Rojo, onde levaban agochados tres meses.

No enfrontamento a guerrilleira de Oleiros foi gravemente ferida. O grupo logrou fuxir e segundo as investigacións, foi o propio Castelo o que lle puxo fin á agonía de Carmen e ese mesmo día foi enterrada no cemiterio en Negreira, aínda que anos despois os restos foron trasladados ao camposanto de Fiunchedo en Sada, de onde era orixinaria a familia.

No tiroteo foi ferido Vicente Peña e conseguiron un cabalo co que o trasladaron ata Páramos en Val do Dubra. Pero foron de novo descubertos pola Gada Civil, e ainda que un deles logrou fuxir, no enfrontamento morreron José María Castelo, Manuel Pena, Vicente e a sobriña de Carmen Teiga que os acollera na casa de Negreira, Manuela.

Os catro foron enterrados en caixas de táboas de piñeiro nunha fosa común nun lateral da igrexa de Páramos. En outubro de 2016, despois de estar nesa fosa dende 1949, os restos dos catro guerrilleiros mortos foron exhumados gracias á Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica e o traballo do arqueólogo René Pacheco cun equipo de voluntarios de toda España. Memoria Histórica fai este traballo de recuperación da dignidade sen axudas públicas.

Manuel Ferreiro destaca a figura das "casas de apoio" que había en Nós e Iñás, de axuda e refuxio aos guerrilleiros antifranquistas. Unha delas era o número 112 da Avenida das Mariñas, ainda en pé. Os donos, Francisca González Pereiro e Jacinto Sesto Rama, foron represaliados despois dun tiroteo no que os guerrilleiros agochados lograron fuxir. Francisca estivo un mes na cadea en A Coruña e Jacinto, despois de ser duramente maltratado, estivo nove anos en varios cárceres.

O número 74 da rúa Salvador Allende en Nós tamén foi casa de apoio. Era un bar chamado A Cuba Grande. O 18 de xullo de 1951 foi tiroteado pola Garda Civil e os tres ocupantes puideron fuxir por detrás, pero morreu José Antonio Cortiñas Blas, ao estouparlle unha bomba que levaba con el. Foi enterrado no cemiterio de Nós. Os outros compañeiros eran José Galán Núñez e Juan Couto Sanjurjo, Siméon