Unha muller que se suicidou en 2012 no País Vasco botándose pola ventá cando ían quitarlle a vivenda deixou tal impacto en Carmen Torreiro que dende ese momento non deixou de pensar qué podía facer para expresar a dor, a impotencia e a rabia que sentíu por este feito. E decidiu reflexalo no que mellor se lle da, na pintura. Este acontecemento foi a orixe da mostra Exilios e Desafiuzamentos, que onte se inaugurou no centro cultural A Fábrica de Perillo, onde poderá visitarse ata o día 17. Carmen Torreiro, que reside en Perillo, expón uns vente cadros, pintura (acrílico sobre cartón e táboa) e tamén grabados.

Esa muller que se lanzou pola ventá na súa desesperación protagoniza un cadro moi especial, un tríptico no que Torreiro amosa dende o momento no que está na ventá ata que queda tendida no chan. "Eu son nai de familia, póñome no sitio desa muller, e penso que era unha situación terrible, para tolear. O tríptico é forte, pero creo que molesta máis á alma que aos ollos", afirma esta pintora.

A temática da mostra reflexa os desafiuzamentos en xentido máis amplo que o do fogar. "Cando tes que fuxir dun país pola guerra, cando hai unha marea negra, cando che detectan unha enfermidade grave", sinala. As obras que presenta Carmen Torreiro ela mesma asegura que "non son para colgar no salón", pois son crúas, moi apegadas á realidade actual. Sen embargo os seus cadros poden mostrar trazos duros na pincelada, longa e estreita ao reflexar a violencia, pero tamén outros curvos e cheos de color, doces, ao ensinar a unha refuxiada co seu neno no colo.

Os cadros que inaugurou onte están feitos dende 2013 ata hoxe en día, de feito rematou hai pouco o último cadro da exposición, titulado Exilios 1937-2017. Unha xilografía sobre o "primeiro desafiuzamento da Historia, o de Adán e Eva do Paraíso", é o que abre a mostra e o que a pecha é un grabado, Desafiuzamento século XXI, no que sí deixa a porta aberta á esperanza.

"Este último cadro amosa a unha persoa que ten nas mans unha chave, algo simbólico, pode ser a chave dun fogar... Despois das obras máis duras, pecho con esta que apunta á esperanza", explica. Cada obra ademais vai acompañada dunha lenda, con poemas de autores como Rosalía de Castro ou Gabriel Galán ou da súa autoría.

8

A arte máis comprometida

Esta pintora que fixo a sua primeira mostra en Francia polo ano 1998, xa é habitual en exposicións colectivas, feiras pictóricas e mostras individuais na comarca. Ainda que o tema que trata nesta mostra está inspirado na dura realidade que sae nos xornais e as televisións de hoxe en día, rexeita ser unha pintora social, e fai tres anos xa pintou obra relacionada con un tema tan complexo e inusual coma a enfermidade mental. "Sempre teño que reividincar algo". O ano pasado inaugurou una mostra de pintura abstracta no Clube do Mar da Coruña, chea de cor. "Son moi ecléctica no estilo, paso do maior expresionismo ata case o realismo".

Carmen Torreiro non tivo unha vida doada, viuse obrigada a coidar de familiares durante moito tempo, con pouco espacio para ela, para desenrolar a súa paixón pola pintura, á que agora por sorte, lle pode dedicar máis tempo.

O ano que ven expoñerá no Museo Casares Quiroga de A Coruña nunha colectiva e neste mes de outubro tamén levará unha obra a outra en Lugo, onde tamén lerá un poema da súa autoría, outra das expresións artísticas á que se dedica.