- Comparten a decisión do Concello de abandonar o Consorcio?

-Non eramos partidarios de que se abandonase o Consorcio As Mariñas. No BNG somos firmes defensores de que os servizos se presten de xeito consorciado e conxunto. Se hai vontade política, cremos que os servizos son de máis calidade e máis económicos. Volvemos estar nesta comarca nunha situación que creo que é dramática, de volver aos absurdos localismos. Isto ten que ver coa política de xente doutra época. O de Arteixo é un claro exemplo.

- Saír do Consorcio terá repercusións económicas negativas para o Concello?

-Todos somos conscientes de que temos un concello económicamente moi potente, cun sector industrial importante e medra a poboación. Os ingresos do Concello de Arteixo a nivel de IBI medran ano a ano. A cuestión económica desde fai moitos anos non é un problema.

- Como calificaría o servizo actual do lixo que presta o Consorcio en Arteixo?

-O BNG foi moi crítico co servizo dende fai varios anos. É algo xeneralizado. É máis un problema dos políticos que nos gobernan, incluido o alcalde de Arteixo, que non souberon esixirlle á empresa que cumprira o prego que gañou. Que pasa? Durante os últimos catro anos (2011-2015) nos que non se fixo nada por parte do Concello de Arteixo se nos estivo roubando aos veciños? Quizais o Partido Popular de Arteixo tiña que devolvernos eses cartos.

- Por que se tomou esta decisión agora e non antes?

-Eles o saberán. A min gustaríame saber se isto se fai para mellorar o servizo ou faise por que é un negocio e imos ir véndoo? O que si é certo é que non é posible abaratar máis o servizo máis do que xa está. A diferenza deses euros que nos van rebaixar é que os imos seguir pagando cos impostos do Concello.

- Do novo servizo que quere poñer en marcha o Concello, que aspectos positivos e negativos ten?

-É moi complicado dicir agora se vai ter aspectos positivos e negativos. Sería positiva se imos cara a unha campaña de concienciación para reciclar. Aspecto absolutamente negativo que lle vexo é que imos ir a Sogama.