José Varela Bouza e o seu compañeiro Felisardo Brandariz serran os barrotes da cela do cárcere de San Antón grazas á lima que lle trouxera a muller do primeiro nunha barra de pan. Son sobre as sete da tarde cando saltan pola ventá. José Varela, máis coñecido na súa terra de Miño como Pepe O Lobo (alcume da familia), é o primeiro en saír. A Brandariz cólleno os gardas, que despois o fusilarían xunto ao seu pai, e daquela Pepe tírase ao mar. Era coñecido por ser un gran nadador e demóstrao. Cruza toda a baía da Coruña e chega á costa oleirense. A investigadora e escritora Rosario Regueira Cereijo estima que debeu pisar terra á altura da praia de Naval. Hoxe cúmplense 80 anos da prodixiosa fuxida do mariñeiro de Río Bañobre afiliado á CNT e ao Partido Comunista que conseguía así escapar, ainda que por pouco tempo, da condea a morte que lle impuxera o réxime do dictador Francisco Franco.

Éste é só un dos moitos detalles sorprendentes e apaixoantes arredor desta familia que se agora se coñecen é gracias á labor de pescuda de Rosario Regueira, casada cun sobriño de Pepe O Lobo, Miguel Roig Varela, e que tivo a oportunidade de recoller a testemuña da irmán do mariñeiro fusilado, Isaura Varela, Aurita. Esta historia de película acaba de publicala no libro Cando pasou o que pasou, coa editorial Toxosoutos hai unhas semanas e o pasado xoves presentouna en Miño gracias á homenaxe que organizou o BNG na honra deste represaliado.

"Eu quería contar cómo unha persoa de esquerdas, Isaura, o que tivo que facer para sobrevivir; cómo Pepe e toda a familia padeceron a máis pura represión franquista polas súas ideas. Escribín sobre isto por necesidade de xustiza, e como el miles de persoas das que hai que lembrar nome e apelido porque o franquismo quixo que se esquecera, hai que defender aos que se lles quitou a vida e a voz", conta Rosario. Acontecementos que estamos a vivir na actualidade, na que expresar a tú opinión libremente ou ter unhas ideas diferentes te poden levar ao cárcere e a ser tratado coma un asasino, fan que o acontecido na dictadura española volva a lembrarse máis ca nunca.

Pepe O Lobo era un home fermoso, de boa planta, cuns ollos claros que chamaban a atención. Con 28 anos é condeado polo réxime por "adhesión á rebelión militar", só pola súa filiación de esquerda e sindicalista, e condeado a morte en 1938.

"A miña sogra contoume que a noite que fuxiron de San Antón non había lúa e el viu a lancha que saira na súa búsca, que levaba luz, e agarrouse á quilla e despois soltouse. Pasou moito frío. Ao chegar á costa metiuse nun chamizo e dalí pasou a Sada e despois a Miño. El non quixo agocharse. Ao voltar ao pobo un falanxista da aldea, que non hai moito que morreu, delatouno. O Lobo estaba no asteleiro de Campos onda o río Baxoi xunto con José María Blanco Barros, Violín, e Francisco Rodríguez Maroño, Xorcar. Unha partida de falanxistas e gardas civís foron a por eles e tiráronlles bombas incendiarias", relata a autora deste libro.

A terrible Santurrarán

No enfrontamento cos gardas, Pepe O Lobo escapa ferido e agóchase nunha palleira. "Pero seguíronlle o rastro do sangue que ía deixando e atopárono e prendéronlle lume á palleira. Foi moi impactante que entre o público, na presentación do libro no local social da Rúa, unha persoa contara que sua nai vira cómo pasara isto", engade Rosario.

Pepe deixou muller e dous fillos, un de cinco anos e outro de un. Non só se cercenou a vida deste mariñeiro, senon que toda a familia sufriu as consecuencias da represión. "A súa muller Manuela López Cabana estivo no terrible cárcere de Santurrarán e cando sae exíliase a Brasil. No ano 2000 máis ou menos voltou co fillo máis pequeno, Xosé Luis, e foron a vivir a Ferrol, foi cando os coñecín e tratei, pero non se acostumbraron, xa non eran daquí, e voltaron a Brasil, ela con 95 anos. O outro fillo fíxose soldado da Armada. Unha irmá do Lobo, Amelia, agochárase en Irixoa pero foi detida e tamén pasou por Saturrarán. O irmán máis novo de Pepe, Juan, conseguiu fuxir de Miño a Rochefort na famosa lancha Golondrina xunto a dez máis".

A outra irmá de Pepe era Isaura, Aurita, sogra de Rosario, que tiña 15 anos cando mataron a seu irmán. Marchou á Coruña xunto con outra irmá, Flora. Alí coñeceu a un tenente do Exército de Franco, dunha familia catalá de Porto do Son que na xuventude estivera vinculada aos movementos nacionalistas pero co alzamento pasou ao outro lado para sobrevivir. "O Exército non permitía tratos con familias tan significativas de esquerdas e deixou o Exército e fíxose mestre. Marcharon a Coirós e el alí foi alcalde".

A familia de Pepe contoulle a Rosario vivencias da terrible prisión de Santurrarán (País Vasco), onde entre 1938 e 1944 pasaron 4.000 mulleres e morreron 120 delas e 57 nenos pola falta de hixiene e fame. Había un váter por cada 250 reclusas neste centro rexentado por monxas da Merced e militares.

"Era un campo de concentración terrible, ela contaba que as mandaban a lavar ao río e ao volver as nais xa non tiñas aos nenos, leváranllos. Ela tivo sorte. Contou tamén cómo había un neno pequeno rubiño que lle chamaban Requeté porque a nai, unha moza, collérona un grupo de soldados, requetés, e violárona varios días. Miña sogra non contou nada de todo isto ao seu fillo, o meu home, ata que tivo 40 anos". Xa non é tempo de silencio.