Os integrantes da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), que agrupa a maioría dos cerqueiros galegos, levan case tres meses cos seus barcos amarrados en sinal de protesta polo reparto de cotas pesqueiras fixado por Goberno central. Neste tempo sufriron perdas económicas por buque de entre 60.000 e 500.000 euros, en función do tamaño da embarcación. Mais non son os únicos afectados. O resto de profesionais de distribución, exportación e servizos vencellados a este segmento da frota tamén sufriu as consecuencias do paro. Frigoríficos, transportistas, redeiras, mecánicos, poxadores e confrarías denuncian cuantiosos descensos nas súas cifras de negocio durante o último trimestre. Uns prexuízos que nalgúns casos provocaron importantes reducións de persoal.

Todos os sectores coinciden en sinalar ao Goberno como principal responsable da situación e esíxenlle que tome medidas para que a frota volva ao mar con garantías.

EEmpresas conxeladoras. O presidente da Asociación de Frigoríficos de Pesca Extractiva (Afripex), Manuel Casal, asegura que as 14 empresas que forman a asociación -xurdida precisamente polo paro do cerco- viron como a súa producción caía un 82% dende que comezou o amarre, o que supuxo que deixasen de facturar uns 25 millóns de euros. "Trátase dun grupo de empresas pequenas e medianas que conxelamos e exportamos especies de litoral, polo que dependemos moito do cerco e do arrastre", explica Casal, que indica que só os gastos fixos de manter un dos seus conxeladores alcanzan os 10.000 euros ao mes. Malia a situación, estas empresas non tiveron que reducir persoal.

Algo que non conseguiu evitar un grupo empresarial coruñés que, ademais de conxelar e exportar, se adica á pesca e venda de peixe fresco. O presidente da compañía asegura que tivo que despedir a 37 empregados dende que comezou o paro. O empresario, que prefire non dar o seu nome, cifra as súas perdas nestes tres meses nuns tres millóns.

Para Casal, as consecuencias van "máis aló" das perdas inmediatas: "Traballamos moito para a exportación, mercados que quedaron desatendidos. Se fallas, buscan alternativas e non sabemos canto tardaremos ou se volveremos recuperar esas relacións comerciais".

ERedeiras. As redeiras son, de por si, unha rama do sector cunhas condicións laborais inestables. No caso das que fan e reparan redes para o cerco, o seu salario repártese por día traballado (aproximadamente uns 50 euros por xornada), polo que xa levan tres meses sen cobrar e non poden afrontar os gastos derivados do seu oficio. "Non podemos seguir así. Estamos pensando en darnos de baixa da Seguridade Social", explica Mercedes Martelo, unha redeira de Malpica. Esta traballadora tamén denuncia que, como autónomas, non teñen dereito á prestación por desemprego.

EPoxadores. Eduardo Pena é un poxador coruñés que vende o peixe de 60 dos 120 barcos de Acerga e calcula que deixou de facturar "uns 40.000 euros" nos últimos tres meses. Asegura que a escaseza de xarda e xurelo -especies principais que pesca o cerco- provocou grandes aumentos dos prezos nas lonxas. No caso do xurelo, "que normalmente non pasa dos 9 euros o kilo", chega a superar os 30 euros. "A xarda, que nunca supera os 13, chega a venderse por 40 euros o kilo", explica Pena.

ETransportistas. Parte do sector do transporte en Galicia tamén depende en boa medida da pesca, polo que tampoco escapou aos efectos do amarre dos cerqueiros. Juan Mouzo e o seu fillo Rubén son os xerentes dunha empresa de venda de pescado e doutra de transportes, respectivamente. Mentres a empresa de Juan "está parada" dende o comezo das protestas (mesmo se viu obrigado a prescindir dun empregado), a de Rubén foi capaz de adaptarse e ir facendo "outros traballos", polo que conseguiu manter o persoal.

EMecánicos. "Non hai traballo, os barcos sen actividade non xeran diñeiro polo que non poden facer reformas ou reparacións", explica o responsable dun taller de buques coruñés. Este empresario, que prefire manterse no anonimato, asegura que hai armadores "aos que lles gustaría aproveitar o amarre para poñer os barcos a punto, pero non poden facerse cargo dos gastos". Tamén afirma que no seu sector "o único que dá cartos é o desmantelamento de buques" e denuncia que nos últimos meses "só na Coruña desmanteláronse catro embarcación que xeraban 50 empregos directos e outros tantos indirectos".

EConfrarías. Acerga realizou un estudo sobre o impacto do seu paro na confraría de Portosín, unha das máis dependentes da pesca do cerco, e calcula que nos últimos tres meses a lonxa do pósito facturou tres millóns de euros menos que no trimestre anterior. "Subsistimos porque temos algo aforrado, pero aínda así tivemos que prescindir dun empregado", asevera o patrón maior de Portosín, Iván Carreño, que aclara que esta situación non se nota só no sector do mar, senón que se extende ao resto da economía dos pobos costeiros. "Estas localidades dependen da actividade dos mariñeiros, polo que tamén se están a perder empregos en comercios e bares", asegura. Por iso, Carreño amósase moi crítico co Goberno e ca Xunta: "Están a arruinar a pesca e a todos os que viven dela".