A incidencia do reparto de cotas no sector do cerco é o título da primeira edición das Xornadas sobre a Pesca do Cerco que a Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga) celebra esta mañá na sala de vistas da facultade de Dereito da Universidade da Coruña .

José Blanco Agraso, presidente de Acerga, será o encargado de inaugurar o seminario que arrancará coa intervención, ás 09.30 horas do director de Ocean Program, Envirommental Law Instituto de Washington, Xiao Recio Blanco, que falará sobre sobre o panorama internacional actual arredor dos TAC e cotas no sector pesqueiro.

O catedrático de Dereito Administrativo e respsonsable do grupo de investigación de Dereito Público Global da Universidade da Coruña, Jaime Rodríguez Arana, analizará o sistema de cotas do punto de vista do dereito español. Mercedes Rodríguez Moreda, directora xeral de Pesca da Consellería do Mar, aportará a visión da Administración autonómica sobre o reparto e Rafael Centenera Ulecia, subdirector general de Acuerdos y Organizaciones Regionales de Pesca do Ministerio, a do Goberno.

A xornada, que clausurará a conselleira do Mar, rematará cunha mesa de traballo sobre o reparto de cotas no cerco, no que participará tamén un armador.