A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer a disposición da cidadanía no portal educativo http://www.edu.xunta.es/fp/ o borrador das ordes de oferta de ciclos formativos para o curso 2016/2017, a través do que se ofertan na provincia da Coruña 12.385 prazas en primeiro curso en centros públicos, en 492 programas autorizados. Delas, 8.865 forman parte do réxime ordinario, mentres que 1.989 son do réxime para adultos, 1.000 do réxime modular a distancia, 211 en FP Dual, e outras 320 en programas para persoas con necesidades específicas de atención educativa. En toda Galicia a oferta ascende a 29.337 prazas en primeiro curso en centros públicos -un incremento dun 2,5%-, en 1.164 ciclos e programas formativos autorizados. A oferta incorpora seis ciclos de FP Dual na provincia, catro deles novos. Deste xeito, serán novas as iniciativas de FP Dual no ciclo de grao superior en Dirección de cociña, no coruñés CIFP Paseo das Pontes; no de grao superior en sistemas electrotécnicos e automatizados, no IES Urbano Lugrís da Coruña; no de grao superior de Elaboración de produtos alimentarios, no CIFP Coroso de Ribeira; e no de grao superior en Sistemas electrotécnicos e automatizados, no CIFP Politécnico de Santiago.

No referido ás reedicións, comezarán no vindeiro curso novas promocións do ciclo de grao superior en Xestión de aloxamentos turísticos, no CIFP Compostela; e do de grao superior en Dirección de Servizos de Restauración, no CIFP Paseo das Pontes da Coruña.