Unha carreira dedicada á investigación sobre a Intelixencia Artificial e á divulgación científica, ademais de comprometida coa diversidade e a igualdade. Así se podería resumir a traxectoria da investigadora do Centro de Investigación TIC (Citic) da Universidade da Coruña, Verónica Bolón, enxeñeira informática natural de Carballo, que o pasado xoves foi seleccionada xunto a outros doce profesionais entre 185 candidaturas para ser académicos de número na Academia Joven de España (AJE).

A institución, fundada en 2019, ten por obxectivo ofrecer unha plataforma para impulsar aos novos investigadores, así como promocionar a cultura e a ciencia no país e reivindicalas coma opción profesional entre a xuventude. Entre as súas filas hai académicos especializados en ámbitos do coñecemento como a historia, a informática, a química, a bioloxía, as ciencias de materiais, a veterinaria, a bioenxeñaría ou a psicoloxía, escollidos por comités internacionais de expertos polas súas brillantes traxectorias profesionais e aportacións científicas. Verónica Bolón relata o que supón este importante recoñecemento para a súa carreira e para a súa labor coma divulgadora defensora da diversidade no ámbito científico, e manifesta a importancia de que as mulleres tamén estean presentes nos avances en torno á tecnoloxía e aos estudos sobre Intelixencia Artificial (IA).

Que supuxo para vostede ser recoñecida coma académica de número da AJE?

Cando me presentei non tiña moitas esperanzas de ser unha das seleccionadas, así que foi unha agradable sorpresa, dende logo. A miña candidatura foi escollida entre outras 185 e, en canto se fixo pública a selección e vin os perfís dos outros doce compañeiros académicos, pensei que ía a estar rodeada de auténticos cracks, o que é unha honra moi grande para min. O proceso de selección era moi competitivo, e se tiñan en conta varios factores: dende a carreira académica, ata as publicacións científicas. Supoño que, no meu caso, tamén tivo algo que ver o feito de que estou comprometida coa divulgación científica e a promoción do papel da muller na ciencia. Ademais, como son a secretaria na Asociación Española para a Intelixencia Artificial (Aepia), teño experiencia sobre o funcionamento interno dunha sociedade científica.

Coma nova académica desta institución nacional, cal é o seu obxectivo?

A min, particularmente, gustaríame contribuír máis na divulgación científica e en aproximar a ciencia á sociedade, sobre todo orientándoa ao tema da diversidade. Eu estudiei Enxeñería Informática, unha carreira na que apenas hai mulleres, e a verdade é que é unha pena. Interésame moito traballar sobre a falta de referentes femininos no ámbito da ciencia que hai actualmente ou que se descoñecen, e quero que as nenas das novas xeracións poidan chegar a coñecelos de verdade. Penso que o importante non é que todas esas nenas queiran ser científicas ou enxeñeiras, pero polo menos gustaríame conseguir que non descarten estas opcións profesionais para o seu futuro por consideralas como carreiras masculinas.

Se falamos de números, queda moito que facer para acadar esa igualdade?

A verdade é que, se nos fixamos nas estatísticas das carreiras científicas e das enxeñerías, hai algunhas que son tremendas. Por exemplo, no caso de Enxeñería Informática, soamente un 13% dos matriculados son mulleres. Por outra banda, tamén podemos facer referencia a unha empresa internacional coma Google, que só conta cun 30% de mulleres traballadoras. Hoxe en día, a tecnoloxía afecta moitísimo a todo o que facemos na nosa vida, e empregamos as aplicacións dos nosos teléfonos móbiles para todo ou case todo. Non podemos permitir que sexan só os homes os que desenvolvan esta tecnoloxía, porque senón haberá unha brecha na que eles terán un maior poder de decisión, e iso non pode ser, hai que buscar a igualdade.

É un proceso lento, pero tamén estanse a ver certos avances.

Si. É certo que se están facendo moitas cousas para mellorar a situación e, de feito, alegroume moito ver que a metade das candidatas seleccionadas pola Academia Joven de España eramos mulleres. Tamén se lle está dando unha gran relevancia ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que é un paso moi importante, pero a verdade é que este é un camiño longo, e os efectos reais aínda non se aprecian.

Que tipo de investigacións está a levar a cabo no Citic na actualidade?

Levo no Citic dende o ano 2015, e as miñas investigacións céntranse na Intelixencia Artificial e, máis concretamente, no ámbito de Aprendizaxe Máquina. A verdade é que agora mesmo esta materia está de moda, por así dicilo, e ofrece moito campo no que investigar. O que máis me gusta do meu traballo é que podo escoller o tema de investigación, e a min encántame traballar sobre proxectos que teñen aplicacións reais. Agora mesmo estamos a traballar co conxunto de datos da páxina de Tripadvisor para crear un sistema de recomendacións que permita que, ao entrar a ver os comentarios dun restaurante por exemplo, automaticamente se nos amosen primeiro os que o sistema cree que imos a considerar máis relevantes.

En relación coa sanidade, cal é o papel actual da Intelixencia Artificial?

Pois a IA ten un papel moi importante, porque cada avance permite facer moitas cousas. Coma doutora en Enxeñería Informática realicei varias estancias en outros centros de investigación en Estados Unidos e Reino Unido e, durante unha delas nun centro estadounidense, desenvolvemos métodos de IA para axudar a diagnosticar unha enfermidade coñecida como retinopatía dos prematuros.

E que hai das aplicacións que podería ter para facerlle fronte á pandemia?

En canto á situación actual e á crise do Covid-19, tamén estamos a levar a cabo certas investigacións. Recentemente tivemos acceso aos datos do Sergas sobre o Covid-19 en Galicia, e intentamos ver que cousas podiamos facer con eles. O que ocorreu é que, polo momento, non son datos de calidade. É difícil recoller todas as variables e facelo da mesma forma en todos os hospitais, e a Aprendizaxe Máquina necesita datos de gran calidade para funcionar ben. Sen embargo, se logramos avanzar neste tema, poderiamos chegar a prever que pacientes van a necesitar unha hospitalización, ou cantos van a necesitar ingresar na UCI, o que serviría para determinar se as instalacións contan co espazo e as camas suficientes.

Como investigadora e divulgadora científica, cre que o ámbito da investigación volverá a sufrir as consecuencias da crise económica a través dos recortes?

Si. Eu creo que a situación que estamos vivindo nos demostra unha vez máis que a investigación científica e a sanidade son os piares fundamentais dunha sociedade, e que xamais se deberían de recortar os recursos en ningún deles. Sen embargo, todo o que vimos ata agora é que, ante unha situación económica complicada, o primeiro que fan os gobernantes é recortar precisamente de alí. Gustaríame pensar que esta vez, con todo a que está pasando, aprenderemos a lección, e que ambos ámbitos non se van a ver afectados por todo o que está por vir. Pero iso é algo que non podemos saber polo momento.