Alumnos do IES María Casares de Oleiros participaron onte nunha xornada formativa da segunda edición do proxecto A Coruña Emprende 2, unha iniciativa organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na que colaboran a Fundación Alcoa e LA OPINIÓN, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación académica.

O abogado e axente da propiedade industrial, Alberto Álvarez, amosoulles aos asistentes a importancia que ten protección a propiedade industrial no emprendemento para que as creacións propias non poidan ser copiadas. A súa charla no centro educativo centrouse nas marcas -os signos distintos que identifican ás empresas- e nas patentes -produtos e procedementos que ofrecen solucións técnicas aos problemas diarios- e ambas son a "garantía" de poder explotar con seguridade o que se acaba de inventar. O experto considera que ter coñecemento destes conceptos é clave porque a propiedade industrial é "a única fórmula para protexer os resultados dunha innovación". E no emprendemento -engade- este sistema é aínda máis clave porque "se como emprendedor consegues unha vantaxe competitiva e non a protexes calquera pode copiarche".

O letrado Alberto Álvarez considera que é bo que tanto os alumnos como o profesorado teñan conciencia de que existe a propiedade industrial por se nun futuro deciden ter o seu propio proxecto saiban que deben protexelo antes de divulgalo e poñelo en coñecemento do público. "Cando alguén crea algo ten que pensar seriamente na posibilidade de protexelo", insiste. Tamén avisa de que cando alguén emprega algo que xa existe ten que ter especial coidado porque pode estar infrinxido a propiedade doutra persoa.

Alumnos e docentes de Primaria, Secundaria e Formación Profesional de 15 centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana que participan nesta segunda edición de A Coruña Emprende teñen neste curso a oportunidade de participar en xornadas informativas como as de onte sobre temas como neste caso as patentes e marcas, pero tamén como emprender con éxito, o emprendemento e a responsabilidade social, o marketing online, as presentacións de impacto e as actividades de motivación. Todas estas actividades constan dunha parte teórica na que o coach explica os conceptos e outra máis dinámica, na que se opta por poñer exemplos prácticos para que os estudantes percibisen mellor o que se lles quería transmitir.

Ademais destas xornadas formativas o programa A Coruña Emprende 2 complementase con visitas dos alumnos a empresas, entrevistas con empresarios da zona e un concurso de idea e de negocio e outro de proxectos. Nesta segunda edición a novidade son os proxectos de miniempresas nos que traballan alumnos do CIFP As Pontes da Coruña, o IES Universidade Laboral de Culleredo, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada e o IES de Viós de Abegondo.