Di Ángeles Huerta, a directora do documental Esquece Monelos, Esquece Monelosque só se pode chegar a falar do global entrando a través do local, do que nos une a todas as persoas, os sentimentos universais, como a perda, a memoria ou o medo. Case un ano despois de comezar unha longa viaxe por festivais de todo o mundo, Esquece Monelos, Esquece Monelosque conta a historia do río soterrado da Coruña, pero tamén da ausencia das lembranzas, estréase en salas comerciais. Na cidade farao en Los Cantones Cines, que programará dúas sesións diarias, ás 18.30 horas e ás 22.45 horas, desde este venres, 27 até o xoves, 2 de novembro.

"As películas que teñen unha parte autoral sempre teñen un paso previo por festivais, pero este tempo alóngase máis no caso de películas como a nosa, porque aínda que as obras de non ficción cada vez entren máis nas salas comerciais, seguen a entenderse como opcións máis televisivas ou demasiado ensaísticas, precisamente por iso é importante facer un bo papel nos festivais e gañar premios", explica Huerta, que conta con tres galardóns dos Mestre Mateo (mellor documental, mellor montaxe e mellor dirección de fotografía), tamén acadou a mención especial do xurado no Festival Internacional de Documentais de Madrid e foi exhibida en Bos Aires, entre outros lugares. Así que, o camiño de Esquece Monelos -producida por Dangadanga- parte de novo desde A Coruña cara a outros lugares, xa que a película se poderá ver, polo de agora, tamén en Santiago, Vigo, Madrid e Barcelona. Pero, "por que quererían ver nestas cidades e noutras máis esta historia tan coruñenta?", a directora teno moi claro: "porque fala de conceptos universais, do desconcerto que producen os cambios" tanto persoais como nas cidades, e porque invariablemente, "o máis íntimo sempre é o máis universal", o que entende todo o mundo.

Di Huerta que é un paso natural, que esta súa primeira longametraxe non podía "non facela", unha vez que coñeceu a historia do río Monelos pero que, se fai películas é, precisamente, para que a xente as vexa e para que as vexa no cine, porque é alí onde máis visibilidade teñen as historias e onde vai "o público común", que é a quen quere chegar. Así que, este non é un punto final para Esquece Monelos, só unha porta máis que se abre no seu camiño para acadar que, cada vez, máis persoas coñezan este traballo e este anaco da historia da Coruña, que é tamén un espello do que pasa noutros concellos e noutras vidas.

Hai neste documental, ademais, unha lectura urbanística e política, de como afectan á cidade as decisións tomadas, aínda que esa non fose a súa motivación inicial. "Eu non lle vou discutir a ninguén a conclusión que saque da película, porque cada impresión é persoal e o debate tamén enriquece o traballo", explica Huerta, que onte pasou a tarde colgando carteis da película no barrio que se viu privado do seu río, Monelos.