- A prórroga do convenio coa Compañía de Tranvías remata o vindeiro 30 de novembro, polo que queda moi pouco tempo. Que vai facer o Concello ata entón?

-Hai casi dous anos a Xunta de Goberno local declarou caducada a concesión e a Compañía de Tranvías abriu unha vía xudicial ao respecto, polo que estamos por un lado agardando a que o xuíz conclúa sobre a pertinencia desa declaración. Por outro lado, estamos a redactar os pregos de condicións para convocar un concurso dunha concesión que pode mover no prazo de dez años 200 millóns de euros á expectativa de cal sexa a resolución xudicial.

- Pero pode chegar o 30 de novembro sen esa resolución. Que se faría?

-Mentres non haxa resolución non podemos abrir a licitación. Sempre temos que salvagardar as consecuencias económicas e xurídicas que puidera ter a declaración de caducidade. Iso non quere dicir que non se estea a traballar na redacción dos pregos.

- Habería unha nova prórroga para a Compañía de Tranvías?

-O acordo de hai dous anos xa abría a posibilidade de deixar un tempo prudencial ata que houbera unha resolución xudicial.

- Chegarase ao final do mandato sen que chegue esa resolución?

-Eu creo que o único que se pode retrasar é cuestión de meses a nova licitación.

- Podería comezar dentro do periodo electoral?

-Podería, hai que ter que tivemos unha folga xudicial que tamén botou este proceso cara a atrás.

- O Goberno local está negociando coa Compañía de Tranvías sobre o futuro da concesión á marxe do proceso xudicial?

-Non. Ou se licita un novo contrato ou se mantén o actual mediante unha resolución xudicial.

- Pensou o Concello en que o servizo de transporte público fora municipal ou é inviable economicamente?

-Houbo diferentes vías de traballo para determinar iso. Hai unha cuestión enormemente limitante que é o parque móbil. Municipalizar o servizo tería esa cuestión como principal motivo para non poder facelo. Iso non quere dicir que nunha hipotética licitación aos dez anos se inclúa que esa frota puidese rematar sendo municipal e abrise outras vías. Pero nun primeiro momento non sería viable economicamente para o Concello.

- Outra cuestión pendente é o cambio do mapa de liñas dos buses. Cando van comezar as consultas co movemento veciñal?

-Neste último trimestre do ano. En cuestión de semanas poderemos abrir un proceso que vai mudar moitas rutinas cotiás dun servizo que acolle 22 millóns de viaxes ao ano e dunha rede que leva trinta anos sen tocarse. Imos intentar imitar o proceso que se levou a cabo na Cidade Vella dando información técnica mediante reunións con colectivos relevantes, non só a nivel veciñal, senón tamén coas entidades que teñen os principais focos de movemento na cidade.

- Hai un prazo para o remate dese proceso? Porque se corre o risco de que se desenvolva na precampaña electoral e que se vexa afectado pola loita política.

-Ao mellor vai ser inevitable porque a precampaña electoral xa comezou. Pero non vai ser limitante para que haxa cambios na estrutura das liñas, e de feito temos previsto facer en cuestión de semanas unha modificación que vai atender reclamos vellos na cidade. Farase antes das obras do carril bici metropolitano na avenida da Pasaxe e permitirá que varios barrios da cidade teñan conexión co hospital Materno Infantil. As liñas 17, 12 e 12A terán alí a súa cabeceira en lugar de no Hospital Universitario. É un cambio relevante porque a cobertura dos centros hospitalarios debería ser unha prioridade da nova rede que dá resposta a unha necesidade.

- Como vai o plan de peonalización da Cidade Vella? Son suficientes as prazas de aparcamento reservadas para os residentes?

-O primeiro que hai que facer é salientar a normalidade coa que se acolleu e peonalización da Cidade Vella, que a saca do ostracismo na que estaba. Era una cuestión demandada por todos pero á que ninguén lle puxo a puntilla. Este proxecto non estivo exento de moito traballo para ponderar moitas necesidades que veciños e comerciantes puxeron sobre a mesa. Ao respecto das prazas de aparcamento, acordouse facer un seguimento destas medidas e agora chega o momento de facelo porque a peonalización comezou o vintecinco de xuño e o verán danos unha imaxe distorsionada da mobilidade no barrio. Durante estes días estanse facendo medicións, unha vez comezados os colexios e as rutinas laborais da veciñanza, para tomar decisións sobre se as prazas de aparcamento existentes no barrio chegan ou sobran.

- Hai veciños que se queixan de que o problema non se produce durante o día, senón ao final da xornada.

-Os controis que está facendo a Policía Local non se centran só na franxa diurna, xa que os conteos tamén se fan nas horas nocturnas. O que se está a ver é que hai dúas ubicacións con usos diferentes, xa que a zona da rúa Maestranza ten un índice de ocupación moi elevado, mentres que o aparcamento do Oceanográfico hai determinados horarios nos non se está chegando nin de lonxe á plena ocupación.

- O carril bici metropolitano que está en construción pode marcar un punto de inflexión no uso da bicicleta?

-Os dous carrís bici agora en construción, o metropolitano e o da Palloza a Matogrande son os que van marcar o punto de cambio no uso da bicicleta na cidade. O primeiro terá cinco quilómetros de lonxitude e conectará coa rede metropolitana en Culleredo e Oleiros, pero o seu tramo urbano entre Os Castros e o teatro Colón vai multiplicar os usos da bicicleta. Pero o que vai converter os itinerarios ciclistas nunha rede é o da Palloza a Matogrande, porque vai unir os tramos agora inconexos, xa que se unirá co metropolitano e co universitario, o que permitirá un percorrido continuo dende Monte Alto e Os Castros aos universitarios que queiran chegar ao campus de Elviña.

- Que prazos hai para eses dous carrís?

-O metropolitano ten un prazo de seis meses, polo que debería rematar no primeiro trimestre do próximo ano, igual que o segundo, pero cando se vaian rematando tramos, poñeránse en uso.

- Cando chegarán as bicicletas eléctricas de BiciCoruña?

-Contamos con que a expresión de interese para obter os fondos Edusi cos que se financiarán se lance nas vindeiras semanas e gustaríanos que o proceso estivera rematado neste mandato.