O Entroido coruñés é algo "atávico", define o escritor e músico Xurxo Souto. "É un Carnaval que se constrúe desde a rúa, hai algo que, se empezas a analizar non entendes, pero que, despois, ten a súa razón de ser e que nos leva, o Martes de Entroido, a pasear de arriba cara a abaixo pola rúa da Torre. Obxectivamente, non ten nada especial, é un chamamento tribal, que é disfrazármonos de choqueiros, aínda que agora xa non levemos chocas, as campaíñas dos animais", comenta Xurxo Souto, co gallo da publicación da sexta edición do seu libro Contos da Coruña, que inclúe, no derradeiro capítulo, un Dicionario Antroideiro Coruñés.

Non faltan, nesa escolma de grandes paradas os nomes de César Sanjosé, o de Canzobre, o de Nito e o do Querelé da Silva. Nomes que herdaron e mantiveron vivo o Entroido coruñés aínda cando disfrazarse supoñía pasar unha noite no calabozo. "Todos sabemos que pasou, logo do golpe de Estado. Prohibiuse o Carnaval e, a golpe de porras, os choqueiros doutras zonas da cidade foron desaparecendo, de todas, menos da rúa da Torre. Non foron quen", comenta Souto. E, co paso do tempo, deixaron de baixar polas súas rúas os choqueiros de Fernández Latorre. Souto ten unha teoría que explica a resistencia de Monte Alto: "Era a rúa da CNT por excelencia". Un sindicato libertario enraizado na cidade, con moitos afiliados e afiliadas, sobre todo, nesta rúa, que vivía no Entroido "o momento de irreverencia máxima, aínda nos anos máis duros".

Lembráballe Sanjosé a Souto moitos anos atrás que, como a policía franquista non fora quen de impedir que os choqueiros baixasen á rúa da Torre o Martes de Carnaval, optaran por facer "un muro de contención" para retelos alí.

"Poñían os jeeps da Policía Nacional no final do campo da Leña, onde empeza a rúa Panadeiras, facíano para que os choqueiros non chegasen ao centro da Coruña", lembra Souto, aínda que esa prohibición engadíulle un plus de emoción á festa. "O reto era chegar aos Cantóns, cruzar ese cordón. Sabían perfectamente que os ían deter, pero era case coma un premio ou unha honra pasar esa noite na comisaría e ter certos problemas coa policía", explica Souto.

O Querelé da Silva, un dos nomes propios do entroido coruñés conseguiu chegar até a Mariña. Non o fixo só eran o Querelé da Silva e os Cinco que botan chispas, disfrazáronse de bombeiros o día no que ardeu o teatro Colón.

Na Coruña non se pode falar de Entroido sen que saia o nome de Canzobre (1886), un cenetista coma tantos outros da Coruña que tiña o ADN carnavaleiro e, segundo lembra Souto, dicía que, alí no barrio de Riazor, onde agora está o Playa Club e antes o seu fogar, "nos días de mal tempo, o mar entraba até a cociña".

Canzobre non era un home calquera, sendo moi novo marchou de polisón a Cuba, volveu pero, logo da guerra, como el era da CNT tivo que vivir escondido nunha aldea de Friol, en Roimil, segundo queda recollido en Contos da Coruña. Aquel home "limpo" e "elegante", aquel home que de Cuba marchou a Londres, a Maracaibo (Venezuela) e a Nova Iorque tivo que voltar á Coruña para celebrar o Entroido e, xa na súa terra, cun aire cosmpolita que nunca perdeu, fíxose inseparable do alcalde Alfonso Molina ao que só fixo enfadar gravemente só unha vez: O ano no que non se meteu con el nas súas composicións.

"Ese espírito do Carnaval segue existindo, é moi lindo e hai que coidalo. Ademais, o noso Entroido non precisa de infraestrutura ningunha. haxa ou non palco, o Martes de Carnaval estaremos subindo e baixando pola rúa da Torre e cantando polas tascas", relata Souto, que non pode botar a vista atrás sen botar en falta templos do Entroido como a Casa Odilo, ou a Casa Pancho, na que o alcalde Molina convidaba a toda a clientela a un porrón de viño, ou O canto do cuco de Raúl, na rúa Miguel Servet, porque era onde César Sanjosé, discípulo de Canzobre -vivía en fronte da súa casa- paraba botar unha soneca nas dúas semanas de Entroido que el pasaba sen visitar a cama. Tanto foi así que, nos últimos anos, xa lle puxeran unha plaquiña coa súa canción preferida.

"El traballaba na Estrella, durante 350 días era respectuoso, impecable, pero botaba quince días de descontrol total. O seu método era levar varios traxes, uns enriba dos outros, de todo tipo, desde Isabel a Católica a Carapuchiña", describe Souto. Durante uns anos, saíu cos Maracos, pero o seu ritmo era superior e volveu a non pasar pola casa en quince días.

Nun tempo que non entende de normas, o disfraz preferido polos choqueiros sempre foi o transformismo. Que mellor que poder ser quen se quere ser e non ter que dar contas a ninguén? "Os homes, de mulleres e as mulleres de homes", resume Souto. Pero non só houbo e hai Entroido na rúa da Torre, tamén a aldea de Elviña tiña a súa celebración e aos seus habitantes lles debemos que sexa festivo o Martes de Entroido. "Tiñan o seu propio boneco, chamábanlle O Ricardiño, a comparsa por excelencia de Elviña era Os Calaveras, que un día se disfrazou de Garda Moura de Franco, baixaron en burros e, á altura da Ponte da Pedra, detivéronnos os gardas porque houbo unha delación e, aínda hoxe, miran mal á familia do delator", relata Souto. Foi nos anos sesenta cando ás mulleres de Elviña se lles ocorreu facer un partido de fútbol de solteiras contra casadas. Foi tanta conmoción que os obreiros se negaron ir traballar", lembra Souto, que asegura que, para el, o mellor día do Entroido é o Domingo, cando se fai a ofrenda floral a Canzobre e Sanjosé e a xente canta, porque aínda as sabe, as cancións que eles compuxeron.

Souto reivindica a Os Maracos, tamén a Monte Alto a 100 e aos Kilomberos, que son comparsa coruñesa, cos aires do outro lado do océano, e a súa, As Orzaneiras, que ten cinco anos, e é unha formación "tan rabuda que non vai nin ao concurso" e ao único ao que aspira é a cantar, como o facía Canzobre, desde o mercado de San Agustín, á praza de Lugo, de alí a Santa Lucía e ao mercado de Monelos. E conseguir achegarse a aquel efecto paralizante de Canzobre cando entraba.

"Dentro do ritual coruñés está tamén o grelo que, como dicía César Sanjosé, é a flor do Carnaval", sorrí Souto, porque, despois, vén a expresión de felicidade por excelencia dos coruñeses e das coruñesas: "Neno, tremendo grelo".