09 de mayo de 2019
09.05.2019

As raíces da música galega, desde Escocia até África

Mercedes Peón con 'Deixaas' e Milladoiro, con 'Atlántico' comparten o premio Opinión ao mellor traballo discográfico

09.05.2019 | 01:21
As raíces da música galega, desde Escocia até África

Mercedes Peón recolleu onte dous premios Opinión de Música de Raíz. Un pola súa canción 'Deixaas' e, o outro, compartido con Milladoiro, ao mellor disco. Anxo Lorenzo foi distinguido como mellor artista e Vudú, galardonada pola súa versión de 'Moreniña'

Coma unha árbore que medra sen obstáculos no camiño e que ten raíces que percorren o mundo, así se amosou onte a música galega sobre o escenario do teatro Rosalía, na que foi a gala da maioría de idade dos premios Opinión de Música de Raíz. Para reivindicar que a música galega é internacional e que medra con cada unha das influencias que se lle cruzan no camiño, cos sons chegados de alén do mar, con outros acentos e outros ritmos, a organización da gala decidiu este ano outorgar un novo premio, o de Mellor adaptación dun tema tradicional que, este primeiro ano, foi para Vudú e a súa reinterpretación de Moreniña.

"A miña avoa Generosa Méndez, máis coñecida como Xeni cantaba: Non sei que ten a morena, non sei que a morena ten, non sei que ten a morena que todos lle queren ben... E díxome: ' después vos, le ponés la música que querás', e así o fixemos nós", explicou Belem Tajes, do dúo Vudú, ao agradecer o premio, que é unha homenaxe ás persoas que, coma a súa avoa, non esqueceron as melodías galegas e que regresaron con elas na memoria para legarlla ás novas xeracións que, xa con outros coñecementos e outros medios, son quen de descompoñelas, darlles a volta e seguir facendo arte e comunicando coas mensaxes herdadas dos seus antergos.

Sobre o escenario cantaron tamén as integrantes do coro coruñés Sisters in the House, que percorreron, coas súas voces, todo o mapa do mundo, desde o mar, as estrelas e o vento de Setestrelo, de Berrogüetto, pasando polo reggae de Could you be loved até un canto "de loita de irmandade" africano, segundo explicou a directora do coro, Carmen Rey, un tema „de título imposible de escribir„ acompañado con pandeiro e pandeireta, un aire galego para unha reivindicación internacional.

O premio Andaina Senlleira recaeu este ano no obradoiro de gaitas Seivane, que cumpre no mes de xullo o seu oitenta aniversario. "Este premio é un acicate para seguir traballando pola nosa cultura coas mesmas ganas que cando empezamos", dixo Álvaro Seivane, rodeado das novas xeracións, dos pequenos Fiz e Brais, dous rapaces Seivane que herdan o oficio de construír gaitas e, con el, a posibilidade "de estar no corazón dun país", segundo describiu un dos fillos do fundador do obradoiro, que agradeceu a LA OPINIÓN o feito de seguir apostando, dezaoito anos despois, pola música galega, polas súas raíces e tamén pola súa mistura. Dúas veces subiu onte Mercedes Peón ao escenario do teatro Rosalía, a primeira, para recoller o premio á Mellor canción, por Deixaas e, a segunda, para compartir o galardón ao Mellor disco do último ano, con Milladoiro, polo seu traballo Atlántico.

Sobre o escenario, Peón quixo reivindicar a música galega e o idioma, unha cultura "non normalizada e minorizada", e tamén a formacións como Milladoiro que, sendo ela nena, lle abriron a porta a todo ese mundo da música tradicional. "Hoxe en día só hai un 10% de cativos que fala galego", lembrou Peón, que non se rende e que espera "que algún día cambien as tornas" e que non sexa unha rareza que os pequenos falen a lingua de seu.

Os integrantes de Milladoiro recordaron que corenta anos de historia son "moitos anos" e que, ás veces, tanta vida nas costas "pesa".

"Nós levamos vinte dos corenta anos de Milladoiro con eles. Sempre costa facer algo novo, pero hai que facelo", explicaron os membros de Milladoiro, que con Atlántico, volven recuperar as forzas de compoñer, de seguir innovando na música de raíz.

Para celebrar os dezaoito anos da gala, voltaron os Samarúas ao teatro, onde o ano pasado estiveran, pero como premiados pola súa canción Non.

"Ves mamá como estudar música valía para algo? Estou cantando no Rosalía", dixo a voz de Samarúas, que reivindicou non só ás persoas que recollen pezas e que as soben aos escenarios, senón tamén a todos aqueles que crean, que teñen que "desfacerse e recompoñerse" no proceso de facer unha melodía ou de lle poñer letra a unha canción porque para eles é tamén o premio de crear.

O galardón „unha peza deseñada en exclusiva para os premios Opinión polo artista Javier Gaztañaduy„para o Mellor artista do ano pasado recaeu no gaiteiro Anxo Lorenzo, que non puido chegar a tempo para recollelo e que mandou unha mensaxe de agradecemento, a través dunha curmá, que recalcou que a gaita é un instrumento que leva a Lorenzo por todo o mundo e que a música tradicional é a base sobre a que senta toda a súa obra.

Para rematar a gala subiron os membros de Entre Trastes, unha formación que bromeou con que, o 90% dos seus concertos son para os premios Opinión, xa que foi no 2007 candotocaron por primeira vez, para presentar os temas do que é o seu primeiro e único disco do mercado. Doce anos despois, a formación, que só toca instrumentos de corda, voltou a acompañar a gala dos premios, aínda que, esta vez, para presentar sete das pezas que formarán parte do que será o seu segundo traballo discográfico e que non empezarán a gravar até que remate o verán.

Entre os seus acordes, lembranzas de melodías galegas, pero tamén, temas do folclore escocés adaptado aos ritmos galegos, unha maneira de mesturar todas as raíces da música galega, desde o norte ao sul.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Contenido Patrocinado


PSA Retail A Coruña muestra los Citröen C3 R5 que correrán en el Rally de Ferrol

Los pilotos Pepe López y Víctor Senra estarán hoy y mañana a los mandos de este coche en la 50 edición de la prueba ferrolana que puntúa para el Campeonato de España de Rallies

Contenido Patrocinado


Conservas ALBO, el sabor que perdura en el tiempo

La historia de la empresa, que este año celebra su 150 aniversario, es también la historia de Galicia


Selectividad 2018 A Coruña

Aprobados Selectividad A Coruña 2019

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias


Sorteos

Manuel Carrasco llega a A Coruña para ofrecer un concierto de su gira La Cruz Del Mapa en el Coliseum el 27 de julio. Sorteamos 3 premios de 2 entradas para que veas el concierto con quién tú quieras.

esquelasfunerarias.es