O pasado mes de maio entrou en vigor a Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia, o que levou á Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña a desenvolver o pasado venres unha xornada de análise desta norma. O profesor da Facultade de Dereito Carlos Amoedo, codirector da actividade xunto co tamén profesor Javier Sanz, salienta a necesidade dunha lei galega para a rehabilitación de vivendas polas especiais características da comunidade nesta materia.

Cal é o situación actual da rehabilitación?

En Galicia non había unha lei específica para a rehabilitación do xa construído, polo que a que vén de ser aprobada no Parlamento supón a primeira que se dedica a regular esta cuestión no noso país. É unha materia importante porque en Galicia hai moita cidade catalogada como conxunto histórico, o que ten circunstancias específicas que fan máis complexa a rehabilitación. E nos núcleos rurais temos ademais un problema de abandono, o que conforma un panorama moi característico de Galicia que necesita de respostas axeitadas. Na xornada discutimos se a lei ofrece esas respostas, que sobre todo ten que facer máis fácil á rehabilitación aos particulares e ás promotoras inmobiliarias, pero tamén se falou de se esa lei vai ser respectuosa co patrimonio histórico.

Os propietarios quéixanse sempre da excesiva burocracia e de que as axudas non son suficientes.

Iso é evidente. Na xornada comentouse que en Ferrol, onde hai dous conxuntos históricos, as axudas esgotáronse este ano nunha hora. Hai un problema estrutural porque hai pouco diñeiro público para rehabilitar e o que hai é moi insuficiente. E hai unha circunstancia engadida, que a xestión administrativa deste tipo de axudas é bastante complexa, polo que ao final o custo para conseguilas é bastante alto e disuade aos interesados en recibilas. Outro problema é que en Galicia hai moitas casas vellas que están entrampadas en conflitos de comunidades de herdeiros ou de propietarios que non se poñen de acordo para rehabilitar.

Por que hai insuficiencia de fondos para rehabilitar cando a propia Administración promove esta actividade?

Hai un problema financeiro común a toda España porque aínda non superamos unha crise económica que xa vai por dez anos e que tal como temos o noso programa de consolidación fiscal, non é esperable que haxa unha priorización dos recursos para a rehabilitación. Isto obríganos a pensar en estratexias alternativas á subvención pública e na xornada citouse a posibilidade de utilizar a política fiscal, que como estímulo para a rehabilitación é un terreo que aínda está pouco explorado, aínda que seguro que ten maior marxe para que tanto o Goberno central como o autonómico poidan desenvolver desgravacións para que os propietarios se sintan estimulados a investir, de maneira que lles saia máis beneficiosa á hora de facer a declaración da renda ou de patrimonio.

Pero terían que ser desgravacións moi interesantes para que lles compensara afrontar o custo das obras.

Evidentemente, terían que ser sobre todo fáciles de xestionar e que se coñeceran por parte dos propietarios. Tamén comentouse nas xornadas que hai tres anos se aprobaron en Galicia unha nova lei do solo e outra do patrimonio. A segunda regula algunhas medidas de fomento da rehabilitación, pero son recoñecidamente escasas, pouco potentes e pouco claras, polo que hai un camiño por percorrer e non estamos sendo suficientemente eficaces neste terreo porque o capital privado non aposta moito pola rehabilitación.

Pero o certo é que sería unha boa saída para o sector ante a falta de actividade noutras áreas.

Si, pero o secretario xeral da Asociación de Promotores Inmobiliarios, Juan José Yáñez, comentaba que as empresas non necesitan axudas e son capaces de xestionar este nicho de negocio sempre que a Administración lles ofreza facilidades. Ese é o cabalo de batalla, como lograr unha simplificación da xestión urbanística para estimular a rehabilitación sen que supoña unha barra libre que permita pasar por riba da tutela do patrimonio cultural.

A situación é a mesma no resto de España en canto á falta de axudas?

A situación é bastante similar porque a lei estatal está pouco desenvolvida nas comunidades autónomas, cando eu creo que hai unha necesidade de que desenvolvan unha política propia para executar con maior detalle o que son previsións xerais da lei estatal.

O feito de que a Xunta deixe pasar anos para rehabilitar edificios adquiridos para este fin non é un bo exemplo para os cidadáns.

Hai un problema de falta de músculo da Xunta. E o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), o brazo executor da súa política neste campo, ten unha total insuficiencia para xestionar os trámites para estas intervencións e as de patrimonio cultural, que no fondo merecerían unha maior priorización, ata o punto de que me atrevería a dicir que tería que ser considerada como unha política de país na que todos os departamentos da Xunta estiveran implicados. Na xornada sinalouse que a política da Xunta está pouco coordinada e que o IGVS quere liderar a política de rehabilitación pero sen contar co resto de departamentos autonómicos implicados. Isto é un aspecto manifestamente mellorable se o que queremos é facer real a prioridade da rehabilitación com política pública no ámbito autonómico.