Apresentación dunha moción do BNG no pleno municipal do Concello o pasado día 15, vén de axitar o formigueiro político coruñés. A solicitude de devolución gratuíta ao Concello de todos os terreos portuarios fixo caer da burra a férreos herexes privatizadores, e descubrirlles "o camiño, a verdade e a vida".

Mais o golpe da testuz contra da pedra non rematou de clarexar as súas ideas, contra do sucedido a Paulo de Tarso. Nós pretendémolo con estas liñas.

O agravio que significa a condonación da débeda do Consorcio de Valencia, incluída nos pactos de goberno Compromís-PSOE pon as políticas municipais do PP, PSOE e Marea Atlántica en entredito. Os dous primeiros como prosaicos Hamlet sostendo os terreos portuarios coruñeses na man, dubidan entre devolución ou non devolución, iso si, sempre con obtusas compensacións monetarias ou urbanas, ou con outras matracas administrativas legais polo medio, como se fora unha partida de tenis. Mentres, os compañeiros de Marea Atlántica están a pensar que isto é coma un xogo de maxia, onde unha vez aparece a verdade e outras non aparece nada; despois de catro anos de Goberno municipal progresista desaparece o xogo de maxia e xorde a dura realidade: non era o debate inducido, era a política e a mobilización cívica.

A pesar do que poida pensar o presidente da Autoridade Portuaria, os terreos portuarios non son da súa propiedade, só é xestor de Fomento e non da Xunta de Feijóo. A incapacidade da Autoridade Portuaria de xerar os tráficos suficientes para cumprir a Lei de Portos, tal como é dende 2011 a xestión dos portos do Estado, significa non poder xerar beneficios (ver La Opinión 20/02/2018 ou 19/08/2019) e lastra a posibilidade de amortización dos créditos para construción do porto exterior, que ademais está baixo a lupa do Tribunal de Contas pola súa xestión (La Opinión 25/06/2019).

Mais dende fai anos a asociación de veciños da Gaiteira-Os Castros (exactamente dende o 2004) e Defensa do Común, co conxunto do movemento cívico da cidade, levan reivindicando dun xeito claro e alto tres cuestións básicas respecto dos terreos portuarios, fóra dos xogos tenísticos políticos:

-Devolución ao Concello de todos os terreos do común, e polo tanto dos terreos portuarios non útiles para a actividade portuaria.

-A constitución dun "ente de xestión", chámese consorcio ou outro nome que só significará loita pola cuota de poder político, non pode significar un proceso eterno. O Concello debe liderar esa xestión.

-A devolución gratuíta, a condonación total da débeda da Autoridade Portuaria e a súa asunción polo Estado. O seu uso público non especulativo, ou uso produtivo sostíbel nos peiraos industriais.

Tense que xerar un proceso participativo e democrático aberto á cidadanía o respecto. Só co apoio da cidadanía poderá o Concello acadar este obxectivo. Quen teña pacencia e interese pode consultar este periódico dos días 02/06/2016, do 24/10/2017 ou 20/04/2018. Máis claro, auga.

Tal foi xa esposto en intervencións e debates, manifestos e nunha manifestación cívica de preto de 4.000 veciños convocada por Defensa do Común e outras entidades da cidade.

É o sentir da cidade e non caben subterfuxios politiqueiros. Nestas páxinas saiu información clara do convenio entre o goberno do PP e a Autoridade Portuaria para a venda dos terreos (La Opinión, abril 2018). Ou os pactos políticos baixo man como o de PSOE-Compromís (non de agora, xa saiu na Opinión o 31/08/2018).

Tanto dereito legal ten A Coruña como Valencia, unha como entidade administrativa do Estado e outro como organismo de xestión de Valencia. Non caben xa xogos de palabras tales como "compensación", "intercambios", "mecanismos alternativos", etc.: non cabe pagar nin un can por algo que é da cidadanía.