La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xoán Piñón Fotógrafo e músico coruñés, actúa o sábado no Colón como parte da formación orixinal de DOA que gravou 'O son da estrela escura'

"A industria quere vender reguetón, pero con Tanxugueiras viuse que á xente interésalle o auténtico"

“Por DOA pasaron 20 músicos de diferentes estilos: este grupo é de quen o traballa”

O fotógrafo e músico coruñés Xoán Piñón, que toca hoxe no Colón ‘O son da estrela escura’ coa formación orixinal de DOA. | // L. O.

O músico e fotógrafo coruñés Xoán Piñón participou durante décadas no grupo DOA, activo desde 1978. Ás 20.00 horas do sábado, no Colón, Piñón unirá o seu laúde e guitarra á percusión e frauta de Bernardo Martínez e á zanfoña, arpa e cítola de Miro Casabella para recrear a composición orixinal que gravou O son da estrela escura, de 1979, o álbum inaugural do grupo. Falta Xaquín Blanco, xa falecido, e incorpórase o violín de Eduardo Coma. Forma parte do ciclo Pioneiros da música galega da Deputación.

Como comezou na música?

Cuns dez anos, por un primo que tiña relación con luthier de Monforte. O meu primeiro instrumento foi un laúde: precisamente o instrumento que reconstruín para este concerto.

Que música lle chegaba antes de participar en DOA?

Sobre o 65 merquei a primeira guitarra eléctrica, e escoitaba aos grupos ingleses de rock: Spencer Davies, The Beatles, Rolling Stones... Gravei un disco no 68, con Generación 49, con temas de compositores galegos a batería, baixo, guitarra e órgano Hammond. Despois estiven en grupos de rock basicamente ata que se forma o grupo básico de onde sae O son da estrela escura: un grupo de estudo da música galega que se forma no 78.

Como foi gravar un disco?

Fixemos un estudo sobre cantigas medievais, os cancioneiros, basicamente Martín Codax, Alfonso X o Sabio,... Fórmase unha mestura de xente que viñamos do rock e outra como Miro Casabella, que viña da música de autor. Xuntámonos Miro e DOA e de aí sae o núcleo de O son da estrela escura.

Estas referencias á música medieval eran, no seu momento, novidosas. Como foi a recepción entre o gran público?

Non era moi alá; isto era unha cousa un pouco rara. A xente agardaba unha música máis popular, un cuarteto de gaitas... Anteriores a nós estaba Fuxan os Ventos, Andrés Dobarro... Nós fixemos unha amalgama de música de diferentes fontes. O disco tiña partes improvisadas en estudio, cousa que era impensable ata entón. Traballamos dun xeito heterodoxo sobre as cantigas. Pero co tempo, o grupo vaise consolidando, e en disco sucesivos fixemos fusión co rock, co jazz, con música de cámara... Estamos falando de 42 anos de traxectoria.

Cara onde se orientaron ao longo destas décadas?

Polo grupo pasaron sobre vinte músicos, e de todos os estilos. Non producimos moitos discos, e tivemos intervalos de seis ou oito anos entre eles. Non estamos presionados por ningunha discográfica: cando temos material ou algunha idea, o que quere a fai. Eu non estiven entre o 86 e o 2000. O grupo é de quen o traballa e ten unha idea a desenrolar. É estraño no sentido de que vai mudando segundo os músicos e as ideas, pero sempre ten como base a música popular, medieval, galega.

Por que este apoiarse na música medieval e popular?

Ata o 78 a miña referencia era o rock, pero cando coñecín a esta xente interesoume moito esta música, que é a nosa, propia. As cantigas de Marín Códax son o documento máis antigo de letra e música, e a música ten memoria: estache contando o pasado. Contén modos mozárabes, modos célticos, e ao final o rock and roll e a súas escalas pentatónicas veñen da música celta. Investigamos moito sobre esta música e eses contidos: é un xeito de traballar no ADN da nosa música.

Como é volverse a atopar cos temas dun álbum de 1979?

Moi interesante. Con algún dos músicos non tocaba desde o 80, e isto é unha viaxe no tempo: tocar unha peza reconstruíndo os instrumentos cos que gravamos, que levaban moitos anos sen tocarse. Tratamos de recrear a atmosfera desta época. Mágoa que non estea Xaquín Blanco, entón sería o cuarteto fundador.

Introducirán novas cancións, a maiores da do disco?

Irán todas as do álbum e outras cinco ou seis que tocábamos na época pero que nunca gravamos.

Dedicouse á fotografía e a música, pero tamén estudou e exerceu medicina.

Cando estudabas o Bacharelato naquela época o que pretendían era facer profesionais cualificados, avogados, enxeñeiros, médicos. Fixen, como rapaciño, o que tiña que facer: saquei a carreira, traballei oito anos como médico... Pero logo retomei o que creo que sempre tiven que facer, Belas Artes e a Música, e non unha carreira de prestixio. Eu só tiña boas notas en debuxo e música.

Como ve o panorama musical galego actual?

Moi ben. A música popular e medieval vai ter un renacemento grandísimo. A industria discográfica quere vender reguetón, pero nos últimos eventos televisivos vimos como se recoñece a música de aldea. A maior parte da xente está educada para que lle guste a música que se programa nos medios, pero como vimos con Eurovisión [por Tanxugueiras] interésalle o auténtico.

Compartir el artículo

stats