Entrevista | Elena Vázquez Abal Premio de Divulgación Científica de Galicia 2024

“Perder ese medo que a xente ten ás matemáticas é unha marabilla”

A Real Academia Galega de Ciencias salienta a traxectoria de Elena Vázquez Abal no mundo dos números co Premio de Divulgación Científica 2024

Elena Vázquez Abal.

Elena Vázquez Abal. / L.O.

Antonio Santos

Un día normal de clase para a profesora Elena Vázquez na Facultade de Matemáticas converteuse nunha xornada frenética de felicitacións e reaccións ao teléfono para a docente pontevedresa, despois de coñecer por sorpresa que recibiu por unanimidade o Premio de Divulgación Científica 2024 que entrega a Real Academia Galega de Ciencias.

No conxunto dunha carreira profesional de case catro décadas, que supón un premio destas características?

De primeira entrada, inesperado (risas). Totalmente inesperado. Hai xente neste momento en Galicia que está a un nivel moi bo de divulgación e nin se me ocorrera que pensaran en min. Despois xa visto o visto, paréceme interesante que se premie a mulleres, mulleres científicas e matemáticas, que é algo bastante con pouca e mala prensa, e ademais en galego.Agrádanme moito eses tres condicionantes.

Nas súas conferencias, a presencia da muller adoita ser un detalle importante, tanto pola presencia de compañeiras profesionais participando como de mulleres no público. Este premio fai que iso sexa aínda máis especial se cabe.

Claro que é especial. Non hai demasiadas mulleres dedicadas á divulgación científica e a matemáticas, aínda menos. Hai xente moi notable desde logo en España, como pode ser Marta Macho ou [Clara] Grima, que están a un gran nivel, pero non hai demasiadas. Claro que me fai sentir orgullosa, evidentemente.

Tras tantos anos de conferencias, a divulgación é o que máis disfruta da súa labor profesional.

É algo difícil de explicar. É como un veleno, unha droga (risas). Isto de ver caras de todas as idades, nenos e maiores, que lles fales de matemáticas e que entendan algo... ti non ves a cara de orgullo que se pode ver nesa xente. Iso é moi satisfactorio, sobre todo se son pequeniños. Asombralos é moi agradable.

Como é o reto de facer que xente sen interés polas matemáticas teña ese cambio de chip?

Non é que moita xente non teña interese polas matemáticas. É que moita xente lles ten medo. Perder ese medo é unha marabilla.

En que proxectos de divulgación traballa agora?

No Concello de Santiago temos un proxecto que se chama Unha enxeñeira ou científica no cole, onde imos a clases de rapaces de cuarto de Primaria e lles contamos cousas de matemáticas. E os rapaces están interesados. É unha cousa encantadora ver que se asombren. Teño en marcha un proxecto a nivel nacional que se chama Videoconsultorio matemático, patrocinado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga), onde lle pedimos á xente que nos mande vídeos con preguntas de matemáticas e nós contestamos cun vídeo.

Divulgación transversal para todas as idades

No seu ditame, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) subliñou a “grande actividade divulgadora” que caracteriza á traxectoria da profesora Elena Vázquez, destacada co Premio de Divulgación Científica deste ano, concedido por un xurado formado polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; xunto a Antón Álvarez, Antonio Rigueiro, Juan José Nieto e Pilar Bermejo.

“Organiza exposicións, ciclos de conferencias, obradoiros sobre divulgación matemática, concursos fotográficos e audiovisuais, xunto a actividades para alumnado e profesorado de Secundaria. Tamén ten participado e coordinado distintos proxectos de divulgación, varios dos cales tiveron financiamento por parte da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)”, salientou o organismo autonómico.

Vázquez recalcou que o galardón ten en conta a unha disciplina na que a comunicación é moi complexa. “Gustoume moito a composición do xurado porque creo que entre eles só había un matemático. Cuestión que polo menos a xente aprecia, porque a dificultade de divulgar matemáticas é grande”, afirmou.

Suscríbete para seguir leyendo