Definición: m. Palabra sueca para designar a vergoña que produce, entre os ambientalistas e persoas sensibles coa conservación da natureza, o feito de ter que voar nun avión. A tradución literal é “vergoña a voar”. NOTA: esta verba non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Efecto invernadoiro: proceso polo cal aumenta a temperatura do planeta debido a que determinados gases (especialmente o dióxido de carbono, CO2) absorben e irradian de volta á superficie terrestre e á atmosfera boa parte da radiación térmica que chega á Terra e que, naturalmente, debería disiparse fóra do planeta. Pegada de carbono: indicador ambiental que, medido en CO2 equivalente, reflexa a totalidade de gases de efecto invernadoiro emitidos por efecto directo ou indirecto por un individuo, colectivo ou produto. Smygflyga: expresión sueca que designa o feito de que unha persoa oculte aos seus contactos unha viaxe en avión para non ser tachada de “antiecoloxista”; significa “voar en secreto”. Estas acepcións, ou as palabras que constitúen as expresións, aparecen no dicionario da RAG, con excepción de Smygflyga.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo? O termo flygskam foi amplamente difundido en Suecia nos anos 90 grazas ao campión olímpico e mundial de biatlón Björn Ferry (1978), quen viaxaba en tren aos eventos deportivos por negarse a voar debido ao impacto da aviación no cambio climático. Posteriormente, a cantante de ópera sueca Malena Ernman (1970) tamén alegou flygskam para non tomar avións, afectando esta decisión aos seus compromisos artísticos. Máis recentemente, a súa filla Greta Thunberg (2003) estendeu este concepto a nivel mundial tras negarse a ir en avión a diferentes reunións globais polo clima, criticando o uso deste medio de transporte polos participantes a estes eventos.

Por que está en auxe esta palabra? Segundo o London School of Economics, mentres un quilómetro percorrido en tren supón emitir 14 gramos de CO2 por pasaxeiro, nun avión de gran porte esa cifra é de 170 gramos, e sobe a 285 en avións convencionais. O problema é que os avións non só emiten CO2, senón tamén óxidos de nitróxeno (NOx), tamén contribuíntes netos ao efecto invernadoiro. Calcúlase que a aviación comercial achega entre un 2% e 6% dos gases prexudiciais que se emiten anualmente no mundo. Ademais, están en aumento: en 2002 estimábanse en preto de 600 millóns de toneladas de CO2 as emitidas polos avións, que en 2014 aumentarían a 733 e en 2018 a 905 millóns de toneladas. Mentres, o sentimento contrario a voar esténdese por Europa, onde se crearon palabras ao efecto, como o vliegschaamte neerlandés. O ferrocarril está avanzando en todos os países da Europa occidental e Escandinavia, en boa medida grazas á alta velocidade, así como aos impostos crecentes ao transporte aéreo, ou mesmo ás restricións: Francia prohibiu hai exactamente un ano os voos domésticos que tivesen unha alternativa en tren de menos de dúas horas e media de traxecto. As empresas de aeroliñas comezan a experimentar os efectos do flygskam: no primeiro trimestre de 2019 houbo unha caída do 5% do tráfico aéreo en Suecia que probablemente se derivara da “vergoña a voar”, cun balance interanual de -4% entre 2018 e 2019 e unha caída do 9% nas conexións dentro do país. Ao mesmo tempo, o número de pasaxeiros en tren acadou un máximo de 32 millóns en Suecia. Como reacción, a industria da aviación anunciou plans globais para desenvolver motores menos contaminantes e baixar en 2050 dos 300 millóns de toneladas emitidas (isto é a metade que en 2002). Para concluír, engadir que as empresas aéreas responsables da ponte aérea Madrid–Barcelona teñen que recorrer a políticas de prezos agresivos para non perder pasaxeiros que, de xeito crecente, prefiren a alternativa da alta velocidade, con 29 trens diarios e tempos tránsito inferiores ás tres horas, sen necesidade de esperas no aeroporto.

Dedicado á memoria de Moncho Meis (1960-2022), pioneiro na conservación da natureza na comarca do Salnés. Que a terra che sexa leve, mestre.