La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Das cartas partidas á dixitalización

A Real Academia Galega custodia as bibliotecas de Luis Seoane, Emilia Pardo Bazán e Manuel Murguía, e conta con libros do século XVI e pergameos do ano 1200

Unha das cartas partidas, que acreditaban a veracidade dun documento. | // VÍCTOR ECHAVE

No arquivo da Real Academia Galega (RAG) hai libros que cambiaron xa de posición para que o seu traslado sexa moito máis doado. En estantes metálicos hai miles de exemplares, entre eles, as bibliotecas de Luis Seoane, Emilia Pardo Bazán e Manuel Murguía, que concentran primeiras edicións, libros en varios idiomas e das máis variopintas temáticas, desde peiteados e receitas de cociña até os máis modernos cadernos de arte. Estes mobles, que abren os seus corredores cunha manivela, e que se atopan na parte baixa do edificio, terán que ser trasladados antes de que comecen as obras de rehabilitación do número 11 da rúa Tabernas.

A pesar de que a Academia avoga por que os traballadores e os fondos estean xuntos neste período de obras para poder facer fronte a datas sinaladas, como o centenario do falecemento de Murguía ou a sesaxésima edición do Día das Letras Galegas, que será para homenaxear a Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores da editorial Galaxia.

No arquivo da Real Academia Galega hai tesouros como o das cartas partidas, documentos manuscritos do século XIII para acreditar a legalidade dun contrato. Constan de dúas partes exactamente iguais —unha para cada unha das persoas implicadas no negocio— cortadas cun zigzag no que están escritas algunhas letras do abecedario. Se as dúas partes coincidían, iso significaba que o documento era verdadeiro. A Academia conta 185 pergameos, dos cales 19 son cartas partidas, un deles, por exemplo, é un pergameo en galego que chegou do Mosteiro de Sobrado.

Outro dos tesouros que custodia a Academia é un álbum de fotografías con persoeiros famosos, que pertenceu ao farmacéutico de Cortegada José Ogea, tamén unha edición numerada, do poemario A mi madre, de Rosalía, da que se fixo unha tirada de só cincuenta copias, ou, por exemplo, os documentos para se converter en accionista da mina de ouro do Carballiño e que, en inglés e francés, contan tamén a historia de Galicia. Ademais de imaxes, obras de arte e libros, a Real Academia Galega custodia outros obxectos senlleiros, como pode ser a chistera de Manuel Murguía, o baleirado da man en xeso do músico Marcial del Adalid, un pouco de pelo de Rosalía de Castro, a bandeira galega que cubriu o cadaleito de Curros Enríquez no seu regreso á cidade desde a Habana ou a maleta na que Pondal gardou durante anos os manuscritos da súa obra Os Eoas.

No terceiro andar do edificio, dunha das paredes colga unha paisaxe pintada por Alejandra Murguía de Castro e no gabinete de presidencia hai un cadro de Seoane, que enche de cor este espazo no que tamén hai bustos e outras pezas históricas.

Actualmente, a Real Academia Galega conta cunha biblioteca para a consulta de documentos na que, o xoves pasado, pola mañá, había dúas investigadoras traballando. Boa parte dos fondos están dixitalizados, polo que a institución prevé que, aínda que non todo o seu contido poida ser accesible ao público xeral durante os 19 meses que durará o traslado, o servizo se poida seguir prestando grazas aos fondos que están xa en liña.

Compartir el artículo

stats