Definición: s. m. 1. Acción e efecto de decrecer, isto é, ir a menos en cantidade, intensidade, tamaño ou importancia. 2. Movemento político, económico e social cuxa base teórica critica o crecemento económico. NOTA: a primeira acepción desta verba figura no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Crise: momento grave, situación difícil pola que atravesa momentaneamente algo (ou alguén) que está en evolución, como unha empresa, un país, unha situación etc. Reformar: facer algún cambio en algo e deixalo distinto de como era, darlle unha nova forma para melloralo. Metabolismo social: conxunto de fluxos de enerxía e materia que, a través de formas culturais, se producen dentro das sociedades, así como entre o medio natural e as sociedades. Estas acepcións, agás a última, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A teoría do decrecemento foi articulada nos anos 70 polo economista bretón Serge Latouche (n. 1940). Segundo este profesor emérito da universidade Paris-Sud, a consigna do decrecemento é insistir fortemente en abandonar o obxectivo do “crecemento polo crecemento mesmo”. Noutras palabras, o decrecemento rexeitaría o obxectivo do crecemento económico tal e como é definido polo liberalismo e o produtivismo. Os partidarios destes ideais denomínanse “decrecentistas” ou “obxectores do crecemento”, e a súa filosofía engárzase con postulados ecoloxistas e do desenvolvemento sostible. En efecto, o crecemento económico implica a miúdo unha explotación dos recursos naturais (especialmente combustibles fósiles) lesiva cos diferentes hábitats naturais e cos seres vivos que os ocupan.

Por que está en auxe esta palabra?: Nun contexto actual especialmente complexo no xeopolítico e, por tanto, no económico e social, prognostícase unha crise enerxética en boa parte do chamado “Primeiro Mundo” para os vindeiros meses. Se non se resolven as causas desa crise, é probable que a medio ou longo prazo se produza un devalo ou colapso enerxético de consecuencias aínda máis graves. Aos críticos do modelo produtivo actual únense, en número crecente, decrecentistas que buscan rachar de raíz con toda a estrutura liberal de produción, volvendo ao modelo de auto-consumo e transaccións económicas de proximidade, similar ao existente en Galicia ata mediados do século XX. A esencia deste ideario resúmese na Guía para o descenso enerxético, proxecto colectivo dirixido polo informático e activista ambiental Manuel Casal Lodeiro, alias Casdeiro (n. 1970). Nesta obra preséntase unha dicotomía á sociedade: ou deixarse guiar polo mito do “crecemento perpetuo”, ou “tomar o futuro e comezar a construír, desde abaixo, unha nova sociedade máis modesta, máis local e máis comunitaria”. Do mesmo xeito, o colectivo Véspera de Nada, marcadamente decrecentista e divulgadores dos efectos do pico do petróleo (peak-oil, verba xa tratada no presente Ecodicionario galego), critica a ausencia de políticas efectivas para anticipar o devalo da enerxía fósil, e poñen de manifesto que son as familias, as comunidades, as pequenas empresas e os gobernos locais os que deben actuar consciente e urxentemente para mitigar os eventuais efectos adversos do colapso enerxético que está por vir.