La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Tributo á pintora da muller rural

Un catálogo revisita, da man de Rosario Sarmiento, a traxectoria e a obra de María Antonia Dans e pon en valor a pegada da creación artística de mulleres en Galicia

A pintora María Antonia Dans. | // LOC

Ata hai ben pouco, as mulleres só entraban nos museos como musas ou retratadas, pero poucas veces, como asinantes das obras. A sociedade e as institucións vai saldando, pouco a pouco, esa débeda pendente coas artistas, revisitando e promovendo a súa obra, moitas veces valiosa, e tantas ignorada. A Deputación adica o último catálogo da súa colección Grandes Artistas de Galicia por vez primeira a unha pintora. A escollida foi María Antonia Dans, pincel singular nado en Oza dos Ríos hai xusto 100 anos.

É un ollo adestrado e experto nesas lides, a crítica e comisaria Rosario Sarmiento, a encargada de seguir os pasos e a pegada da artista na creación pictórica do século pasado, encomenda que emprende con respecto e agarimo e que plasma en 425 páxinas repletas de fotografías e pinturas.

“María Antonia Dans, con respecto a outras mulleres artistas da súa xeración que foron expulsadas da historia e descoñecidas, tivo recoñecemento en vida. Tivo que facer un sacrificio para facer o que quería: marchar fora de Galicia. Ela desenvolve toda a súa traxectoria en Madrid”, conta Sarmiento.

Esa distancia física con Galicia, porén, non impediu que a artista deixase na súa obra a impronta das súas raíces. O paisaxe galego é o grande referente de María Antonia Dans, que pinta non con afán divulgativo, senón con pretensión de comunicar. E de facelo sen barreiras.

“Só son quen de pintar o que sinto instintivamente, quizais porque son moi pouco intelectual... quero que todos entendan o que quero dicir, transmitir o que sinto do xeito que o oficio me ensinou”, escribía a propia artista sobre as intencións da súa creación artística. A realidade galega e rural, sen artificio, dende unha visión consciente pero con trazas de inxenuidade, é un dos principais temas da súa pintura. Non caben folclorismos para quen non os precisa, pois estes ceden en favor da familiaridade das escenas vividas na súa Curtis natal, onde a pintora regresaba periodicamente. E na paisaxe, decote, aparece un elemento irrenunciable: a muller rural galega, parte inherente desa natureza. “María Antonia Dans é a pintora da muller rural galega. Retrata ás mulleres que ela coñece, as do rural, da posguerra, que coidan dos fillos, da casa, da agricultura, que se encargan dos oficios. Na súa obra hai labregas, pasadoras do ferro, leiteiras, panadeiras”, debulla Sarmiento.

A ollada que Dans pousa sobre as mulleres non reproduce a relación de verticalidade que caracteriza ao artista e as súas musas: a mirada é horizontal, empática e de fonda comprensión. “Hai un posicionamento claro. A paisaxe está repleta de mulleres. Se hai homes, puntuais, están emparellados por mulleres. A mirada feminina é patente porque hai outra sensibilidade. Hai unha visión solidaria cara esas mulleres rurais. Son, para ela, figuras case totémicas. Son mulleres que ela define como mulleres nas que non había espazo par a rebeldía, abnegadas”, aprecia Sarmiento.

Unha apreciación que tamén lle concedeu o deputado e voceiro do goberno provincial, Bernardo Fernández, durante a presentación da obra na Real Academia de Belas Artes. “Dans destacou sempre pola súa visión comprometida con derrubar os muros da desigualdade e hoxe, aquí, tiramos unha pedra máis dese muro”, avanzou Fernández.

Compartir el artículo

stats