Xosé Ramón Veiga nnficha personal | Escritor, autor da biografía de Juana de Vega

“Poucas mulleres do XIX tiveron o protagonismo público de Juana de Vega”

“Cando morreu, houbo unha manifestación de loito, con xente chorando na rúa”

Xosé Ramón Veiga, onte na Academia de Belas Artes.

Xosé Ramón Veiga, onte na Academia de Belas Artes. / VÍCTOR ECHAVE

A Real Academia Galega de Belas Artes foi onte a sede da presentación do libro Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer do século, do historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Veiga. Unha biografía que percorre a vivencia dunha das figuras máis relevantes do século XIX na Coruña.

Nunha onda de centenarios reivindicativos sobre figuras coruñesas, parece que hai certa débeda con Juana de Vega, cunha pegada que segue a ser descoñecida.

Houbo varios centenarios este ano: Pardo Bazán, Casares.. e agora fanse 150 anos do pasamento de Juana de Vega. Eu creo que hai que poñela no seu lugar, no que penso que ata agora non estaba, e eu diría que un pouco para a miña sorpresa. Cando inauguramos a súa exposición eu dicía que ía servir para coñecer un pouco mellor a Juana de Vega, pero o que me chega da xente que vai á exposición é que está coñecendo a Juana de Vega, non un pouco mellor, senón coñecéndoa. Non porque non haxa achegas bibliográficas a Juana de Vega, que hai catro; pero polo que fose non debeu transcender moito esa investigación.

Outras figuras contemporáneas, homologables quizais na súa labor, si que foron máis reivindicadas, como pode ser o caso de Concepción Arenal. Que pasou con Juana, perpetuada na súa rúa da Coruña pero descoñecida para os que a percorren?

Hai unha razón fundamental, creo. Se lle preguntas a calquera rapaz que chegou a Universidade por Rosalía de Castro, ou por Pardo Bazán, sabe quen son. Non teño tan claro que coñezan a Concepción Arenal, pero probablemente si, porque é unha penalista recoñecida a nivel internacional. Estas figuras son coñecidas porque fixeron obras de ficción, porque foron literatas, e como tales son estudadas como exemplo de literatura galega ou española. Juana de Vega foi unha excelsa escritora de non ficción, ten dúas autobiografías e o máis seguro é que fose a autora dos cinco tomos da biografía do seu marido, Espoz y Mina, un acervo escritor importante. Ao ser non ficción, non se estuda en literatura. Despois, hai outra razón: a maneira coa que se explica historia neste país é un pouco estraña. Tendemos a buscar exemplos de fóra cando os temos inmediatos a nós. Se queremos falar da revolución liberal do século XIX, podémolo facer con persoeiros galegos, un deles, Juana de Vega. Se queremos falar de servizos sociais no século XIX, e que os poucos que había eran de carácter privado, temos aí á presidenta da asociación de Señoras da Beneficencia da Coruña, que tivo unha enorme importancia a nivel galego.

Juana de Vega tivo dúas vidas: unha como muller de Espoz y Mina e outra logo da morte deste, cando desenvolve máis intensamente o seu labor social e político. Que foi o que o cativou da súa biografía?

A vida de Juana de Vega, na historia do século XIX, o que fascina é todo. Son contadas as mulleres do século XIX que poden dicir que tiveron o protagonismo público que tivo Juana de Vega. Unha sociedade machista, cos roles de xénero marcados a lume, na que as mulleres teñen un papel moi determinado. As mulleres "decentes", entre aspas, ocúpanse do fogar e dos fillos. Ás que non lle queda outra teñen que traballar fóra, como é o caso da Fábrica de Tabacos da Coruña, pero ese é o seu lugar. As mulleres non poden aparecer na esfera pública con voz propia, non poden ter iniciativa, nin participar na vida política. Juana de Vega queda viúva aos 31 anos e aínda lle quedan moitos anos de vida, polo que puido facer unha serie de cousas que para as mulleres casadas serían imposibles de facer. Emilia Pardo Bazán tivo enormes problemas para conseguir todo o que conseguiu, entre outras cousas porque lle dicían que como muller casada tiña que atender os fillos, e deixarse de escribir, de publicar, e deixar de ter esa faceta publica. Ela chega practicamente a divorciarse, separada de facto do seu marido para levar unha vida independente. Como Juana de Vega hai catro no seu momento en España, non hai máis. Estaba Concepción Arenal, que tamén era viúva, e pouco máis. Como mulleres que aparecen na esfera publica, que liderasen asociación de señoras, que se puxesen á fronte de institucións benéficas, que se soubese que estaban “mangoneando”, tamén entre aspas, en situacións de tipo político, Juana de Vega é case unha muller excepcional.

Esa influencia discreta que tivo que exercer, sempre na sombra, polas circunstancias da época, explica que non sexa máis coñecida?

En parte é iso. Tamén pasa que cando falamos de actividade benéfica no século XIX non temos moi claro que é iso. Se nos puidésemos trasladar á Coruña de 1850, chamaríanos enormemente a atención a cantidade bestial de vagabundos e xente que pide pola rúa, e de mulleres e rapaces desamparados que a única posibilidade que teñen de sobrevivir é a beneficencia de asociacións como a de Juana, porque non hai nada parecido a un servizo social, nada parecido a unha medicina pública ou seguridade social. Dependían destas asociacións benéficas, que atenden a milleiros de persoas entre nenos orfos ou expósitos, mulleres desvalidas, vagabundos. Dende o século XXI isto choca. No XIX, todas esas milleiros de persoas que para sobrevivir dependían dela, non estraña que cando morreu Juana de Vega houbese unha manifestación de loito en Coruña espectacular, con xente chorando pola rúa, porque era a muller que lles dera unha mínima posibilidade vital, porque o Estado non tiña capacidade para facelo. Se nos situamos no contexto, seremos quen de aquilatar mellor o que era liderar unha sociedade benéfica. Non era unha ocupación de mulleres que non tiñan nada de facer, que estaban moi folgadas e facían isto, era algo moitísimo máis serio. Non había ningún tipo de servizos sociais, había cousas moi escasas que ofertaban os concellos e as deputacións, ridículas dende o punto de vista orzamentario. Estas señoras buscaban cartos ata debaixo das pedras, poñer cartos do seu peto, como facía Juana de Vega, que puxo moitos cartos para comprar dous edificios para acoller o hospicio dos nenos e das mulleres, e, por outra banda, o asilo de mendicidade. Chega a haber 700 persoas acollidas nestes asilos, por non falar de todos os nenos orfos espallados por toda a provincia, aos que os aleitaban mulleres por un salario que saía destas asociacións.

Por iso escolleu definir a Juana de Vega coa frase “Cumprir co deber”?

Nas biografías gusta buscar unha frase que defina. Esta frase non é miña, xa se dixo atrás, pero logo de investigar nos seus papeis e na documentación é unha frase que a define moi ben. Todo o que fixo Juana de Vega fíxoo para cumprir co deber. Consigo mesma, co deber de memoria do seu marido e cos que compartiron o seu itinerario vital, cumprir co deber dos orfos e as persoas acollidas nas súas institucións. Por iso na pandemia de cólera de 1854 non escapa da Coruña, ela queda, non porque sexa unha mártir ou teña un sentimento relixioso espectacular, queda porque quere cumprir co seu deber, como presidenta da Asociación de Señoras da Beneficencia da que dependen milleiros de orfos e mulleres desamparados, poñendo incluso en perigo a súa propia vida.

Suscríbete para seguir leyendo