O acordeón, “o segredo da felicidade” para Xurxo Souto

Estrea o instrumento tras esquecer o roubo do ano pasado: “Levo días eufórico”

Xurxo Souto amosa o seu novo acordeón.   | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

Xurxo Souto amosa o seu novo acordeón. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA / Ana Carro

Xurxo Souto é sinónimo de festa. Por iso converteu unha tristeza, o roubo do seu acordeón, nun motivo de celebración. Esqueceu aquel mal momento de xuño do ano pasado, soltou toda a ansiedade e comprou un novo instrumento que, asegura, “é o segredo da felicidade”. “Se queres cambiar a túa vida, toca o acordeón diatónico”, recomenda como se fose un doutor.

Esa medicina axuda ao artista a sorrir, tocar e, o que máis lle gusta, reunirse cos seus amigos. A festa de benvida deste novo acordeón celebrouse o pasado domingo na praza José Sellier, no bar A Buserana. O escenario escollido tamén ten unha historia detrás, como todo o que rodea a Xurxo Souto. “Manolo, o dono do bar, é tamén acordeonista. Alí, hai dous anos, viñeron desde a fronteira de Portugal Fernando, un gran tocador de acordeón diátonico, e a súa muller”, recorda, e sinala que a de José Sellier é xa “unha praza que ten ese carácter especial, é a praza diatónica”.

A celebración foi, apunta, “marabillosa”. Con contos e música, todo é mellor. “Apareceron acordeóns diatónicos por todas partes. Foi unha festa moi humilde pero moi bonita”, revela o artista, para quen o roubo do seu instrumento tivo cousas boas e malas. “Realmente a persoa que me levou o acordeón case me fixo un favor. Por un lado, foi como un tsunami de cariño. A noticia popularizouse e recibín moitas mostras de apoio. Non só iso. Varios autores escribiron textos dedicados ao acordeón”, conta, aínda emocionado. Pero Xurxo Souto tamén sentiu “ausencia”. “Entendín a varios acordeonistas con moita tradición. Faltábame esa necesidade de darlle aos botóns”, explica.

Grazas ao músico Pulpiño Viascón atopou un novo acordeón. E con el, a felicidade. “Este instrumento crea adicción. Estiven moi triste. Pero agora levo días eufórico. É o instrumento que respira, o segredo da felicidade”, insiste o artista, que non garda rancor a persoa que ten o seu amado instrumento: “seguro que está en mans dunha persoa que o está facendo feliz”. A festa en A Buserana, na que tamén houbo comida, serviu ademais para “reivindicar a paixón absoluta polo acordeón”.

Xurxo Souto xa está preparado para máis troula, por iso participará nas Noites dos Crutos, o 30 de abril, cando Luar na Lubre actúe no castro de Elviña. “Por fin un grupo mítico da Coruña como é Luar na Lubre vai actuar en Elviña. Digo por fin porque o referente, Bieito Romero, foi tamén o director da banda de gaitas que houbo en Elviña”, comenta o artista, que compartirá escenario coas veciñas do barrio Miluca e Geli, que forman o novo dúo musical As Pífenas de Elviña.

Suscríbete para seguir leyendo