Entrevista | Bieito Romero Fundador e integrante de Luar na Lubre, hoxe no Castro de Elviña

“Nunca tantos bos músicos houbo en Galicia, o tema é sostelo no tempo”

“Neste estilo, que é moi amplo, ten que haber dende o máis tradicional ata a vangarda”

Integrantes da agrupación Luar na Lubre.   | // LOC

Integrantes da agrupación Luar na Lubre. | // LOC / Marta Otero Mayán

A histórica banda de música folk Luar na Lubre ascenderá ao Castro de Elviña na Noite dos Crutos (19.00 horas) organizada pola Asociación Cultural Tempo Novo, acompañado pola banda Le Gall-Carré e unha formación da antiga banda de gaitas Os Rexumeiros de Elviña.A agrupación interpretará unha escolma das súas composicións máis populares, así como temas do seu novo traballo, Luar Na Lubre XX- Encrucillada, no que o grupo repasa a súa propia traxectoria e contará con algunhas das voces que compartiron o seu camiño, como Rosa Cedrón ou Pablo Milanés.

Un escenario evocador, o Castro de Elviña. Que propoñen para a Noite dos Crutos?

Faremos unha escolma destes 37 anos de música co Castro de Elviña como fondo ambiental, pero imos pararnos no que vai ser este novo traballo que estamos gravando no estudo, que é unha compilación pero de temas anovados. Son temas do noso repertorio histórico, anovados polos cambios de formación, gravados coa formación e a perspectiva actual. Esta será a parte central do concerto, e despois faremos un percorrido polos temas clásicos do noso repertorio, como Son do Ar, Tu gitana, Chove en Santiago, Camariñas... e ao mesmo tempo, unha combinación de temas líricos con temas máis movidos, para que a xente participe, e que sexa unha noite memorable, que ben o merece a reivindicación do Castro de Elviña.

Cando se poñen a regravar temas antigos, non lles entra nostalxia? Senten que seguen sendo vostedes?

Claro que somos nós! pero moito máis novos (ri). O concepto musical, o xeito de entender a música e o camiño que trazamos non distorsiona, son cuestións compatibles. A característica deste novo traballo, que vai ser un libro disco, é que van participar todas as voces que pasaron por Luar na libre e máis todavía, vai haber moitas sorpresas neste sentido. É unha conmemoración, o traballo número 20, Luar na Lubre XX Encrucillada, con moitas colaboracións en temas que forman parte da nosa traxectoria, pero postos na perspectiva actual tanto a nivel instrumentístico como técnico. É certo que a técnica, dende os primeiros anos que gravamos, cambiou moito, é outro xeito distinto, hoxe podes facer cousas impensables naqueles tempos.

En 40 anos cambiaron moitas cousas. Estamos nun momento doce de reivindicación da música de raíz. Sería axeitado falar dun rexurdir do tradicional, tendo en conta que vostedes se mantiveron na escena todos estes anos?

No noso caso non, é certo que isto tivo un momento de auxe importante, pero é cíclico. Entre os 90 e os 2000 houbo un pico moi grande, que foi onde o folk acadou as cotas máis altas de popularidade e de expansión, e incluso de recoñecemento a nivel galego, que non o tiña tanto. Estas cousas soben e baixan, despois baixou. Non creas que estamos nun momento particularmente bo, é paradóxico porque nunca tantos bos músicos e propostas houbo en toda a historia da música galega, pero o tema é sosterse no tempo, facer que os proxectos sexan viables, e que iso teña continuidade. Que non sexa un proxecto de tres anos, que saquen un par de discos e desapareza, e darlle continuidade as bandas que estean estabilizadas, que é o que conforma un movemento musical. Nós estamos aí, porque son 37 anos, 20 discos, máis de 2.000 concertos, con máis de 40 países visitados, e seguimos: vimos de estar en Uruguay, en Cabo Verde, temos un bo verán por diante. O que conforma un movemento sólido é que haxa bandas estables, pero é certo que estamos nun momento doce en fertilidade, pero ten que haber estabilidade, que as bandas se manteñan moitos anos e teñan a posibilidade de tocar e proxectarse.

Non hai banda emerxente no eido da música neotraicional e que fusiona os ritmos de raíz coa electrónica, unha tendencia moi en auxe agora, que non lles cite a vostedes como referentes.

Nós non facemos música tradicional estritamente, facemos folk, porque a música tradicional vai por outras vías, pero o folk está baseado nesas músicas tradicionais, certamente. Fora diso hai algunha banda que están funcionando ben que están facendo ese tipo de propostas. Eu véxoo como un xeito de normalizar que as cousas vaian poñéndose no lugar que lles corresponde. Neste estilo de música, que é moi amplo, ten que haber dende o máis tradicional, que é o que interpreta exactamente igual que o que recolle na aldea, ata o máis evolucionado, que pase por utilizar melodías tradicional e darlles un concepto musical de vangarda, actual, con músicas electrónicas, con programacións. Iso forma parte da normalidade dun movemento estabilizado, de xente que faga todos os estilos dentro do abano das músicas baseadas no tradicional, aí estaríamos falando dun movemento musical galego potente e forte. Vexo con bos ollos que saian propostas novas, e sobre todo que nos teñan a nós como referentes, que é unha honra.

No seu traballo número 19, Vieiras e Vieiros, fan unha homenaxe aos peregrinos, “portadores das vieiras”. Ultimamente, tralo aluvión do Xacobeo, semella que a figura do peregrino quedou algo desvirtuada. É de xustiza reivindicala?

Non estamos moito no allo da transformación do peregrino, pero é certo que en Galicia tócanos moi de cerca. Somos un dos lugares de peregrinación máis importantes do mundo. O camiño de Santiago trouxo moitísimas civilizacións ata aquí, grazas a iso chegaban ata Galicia, que eran os confíns da terra. Cando as cousas se masifican perden un pouco a identidade primixenia, o significado que teñen as cousas vaise transformando. É certo que a figura do peregrino modificouse moito. Nós o que fixemos foi un traballo que necesitou estudo, asesoramento, unha disciplina á hora de poñelo á luz. Ía ser sobre o camiño de Santiago, pero hai tantas figuras que centrámolo nos portadores das vieiras, esas xentes que chegan aquí, por unha gran vía de entrada de cultura a Galicia, unha gran vía de contacto das culturas de toda Europa coa nosa. Aparte da cuestión relixiosa, que segue sendo maioritaria, hoxe converteuse nun acto máis lúdico, máis deportivo, con todo o bo e todo malo que trae iso. A turistificación das cousas ás veces leva a distorsionar a realidade do que significan. Pretendemos dar unha idea persoal do que entendemos polo Camiño e polos peregrinos, e, por outra banda, poñer en valor esa grande vía de comunicación que temos co mundo.

O disco, ao escoitalo, semella unha banda sonora. O camiño aparece tamén descentralizado: o destino final non é Santiago, senón Galicia na súa diversidade.

Esa era a nosa idea. Ao querer facelo sobre o camiño de Santiago decatámonos de que non hai un camiño só, senón moitos. Chamámoslle camiño de Santiago, pero pode ser o da Prata, o Inglés, o Francés, o celta... quen xunta todo isto? os peregrinos. Parece unha banda sonora, porque o que fixemos foi combinar esas sonoridades do camiño con esas cancións vencelladas ás historias dos diferentes peregrinos que chegaron aquí ao longo do tempo.

Suscríbete para seguir leyendo