O Eusebio explora o seu pasado picassiano

Alumnos e docentes recrean a época na que Picasso estudou no centro nunha curta que busca concienciar contra o acoso escolar

Un dos fotogramas da curta, cos rapaces caracterizados con roupa de época.   | // CEDIDA

Un dos fotogramas da curta, cos rapaces caracterizados con roupa de época. | // CEDIDA / Marta Otero Mayán

O 50 aniversario do falecemento do xenial pintor Pablo Ruiz Picasso está a ter, este ano, un dos seus epicentros na Coruña, cidade na que o artista deu os seus primeiros pasos no mundo pictórico. Non é fácil imaxinar, cun século polo medio, como era esa A Coruña de finais do XIX na que viviu o neno pintor, pero todo é posible con imaxinación, boas dotes interpretativas e un escenario acorde. O mellor decorado non é outro que o instituto Eusebio da Guarda, conxelado no tempo nos seus interiores. As dotes interpretativas, as de David Montoya, Jorge Martín e outros compañeiros. A imaxinación pona unha curta, titulada Debuxa, coa que, a través da recreación histórica, os alumnos do centro viaxan atrás no tempo, e coa que esperan gañar o certame Cinema na escola, promovido polo Concello e que implica a varios centros educativos coruñeses.

Jorge Martín, David Montoya, Mario Juíz e Rosa Rodríguez.   | // CASTELEIRO

Jorge Martín, David Montoya, Mario Juíz e Rosa Rodríguez. | // CASTELEIRO / Marta Otero Mayán

“O obxectivo da actividade era o de brindar unha primeira inmersión aos rapaces no mundo audiovisual. Este ano, a pesar de que eles querían tirar máis polos asasinatos, tiñamos claro que tiña que ser sobre Picasso. Todo o traballo é deles, dende a idea, ata o guion, a actuación...”, conta a mestra dos protagonistas da curta, Rosa María Rodríguez. Servíndose de atuendos de época e da ambientación do seu centro, nos mesmos corredores nos que un día Picasso perfeccionou as súas dotes pictóricas, os rapaces métense na pel do artista nuha proposta que xa acumula miles de visualizacións en Youtube, e que agarda recadar os “me gusta” necesarios para gañar o concurso.

Tamén foi unha iniciativa que lles brindou, alén de aprender sobre todas as facetas do proceso audiovisual, coñecer máis de preto ao artista dende outra óptica. “Pasámolo moi ben facéndoo, e foi moi interesante, porque non coñeciamos moito sobre a súa vida persoal. Para min, que non son moi aficionado a pintar, foi a oportunidade de meterme na cabeza dun pintor, nos seus pensamentos”, reflexiona Jorge Martín, que interpreta, precisamente, a ese neno Picasso que un día foi, como el, alumno do Eusebio da Guarda, daquela Escola de Belas Artes. Un detalle que os alumnos, porén, xa coñecían. “Repítenolo moito”, comentan. “O que eu non sabía, por exemplo, é que aquí morre a súa irmá, e todo o que conlevou para el a mudanza, o mal que o pasou o seu pai”, reflexiona David Montoya, que fai, na metraxe, de “antagonista” de Pablo Ruiz. Porque a curta, alén da victoria no certame, persegue un obxectivo: o de concienciar sobre a lacra do acoso escolar, que calquera neno, sexa ou non un xenio da pintura, está en posición de padecer. “A idea tamén era aprender sobre as consecuencias negativas que pode ter o bullying, xa non sobre Pablo Picasso, senón sobre calquera outro rapaz”, indican os nenos.

O resultado é unha proposta audiovisual que non deixa nada ao azar: dende os cadros escollidos para aparecer no vídeo, que coinciden cos da etapa coruñesa, ata o rol do profesor do artista, interpretado, como non podía ser de outro xeito, por un dos docentes do centro, Mario Juíz, cuxo papel tamén axudou aos protagonistas a afondar na sensibilidade do artista. “Hai que pensar que é un rapaz ao que trasladan dun mundo de luz, que é Málaga, a un lugar novo, sen os seus amigos, tras unha viaxe en barco na que o pasa fatal. Aquí morre a súa irmá e fai mal tempo todo o día. É unha dimensión interesante”, sinala Juíz.

Suscríbete para seguir leyendo