Tributo a tres décadas nos escenarios na gala dos XXII Premios Opinión

Leilía recibe o galardón Andaina Senlleira polos seus 34 anos de carreira e Tanxugueiras serán recoñecidas como Acontecemento Musical do Ano pola súa repercusión

O grupo Leilía, nunha das súas actuacións.   | // KARLOS ABAL

O grupo Leilía, nunha das súas actuacións. | // KARLOS ABAL / José Manuel Gutiérrez

A música feita por mulleres será a protagonista da gala dos XXII Premios Opinión da Música de Raíz que se desenvolverá este serán no teatro Rosalía de Castro a partir das 20.30 horas. Dúas formacións integradas exclusivamente por mulleres recibirán os dous galardóns que se concederán nesta ocasión, xa que as cantareiras de Leilía, que están a realizar nestes meses a súa xira de despedida despois de trinta anos de carreira nos escenarios, recibirán o premio Andaina Senlleira.

Tanxugueiras será o outro conxunto feminino que será homenexeado na gala, neste caso cun premio de nova creación, o do Acontecemento Musical do Ano, motivado polo fenómeno xerado dentro e fóra das fronteiras españolas por este trío trala súa participación no Benidorm Fest. A presenza dos dous grupos no Rosalía de Castro garda ademais unha relación, xa que Tanxugueiras teñen afirmado que sen a existencia previa de Leilía non terían iniciada a súa andaina musical.

O xornalista Alfonso Hermida será o encargado da condución da gala dos premios. Despois da súa presentación ofrecerase a primera actuación, a do cuarteto pontevedrés Ghaveta, que mestura voz, percusión, arpa, violín e guitarra. Forma parte da banda a arpista Bea Martínez, quen interpretaba este mesmo instrumento no trío liderado por Rodrigo Romaní. A continuación sairá ao escenario o dúo feminino Camaaño&Ameixeiras, integrado pola violinista Antía Ameixeiras e a acordeonista Sabela Caamaño, ás que acompañará a cantante e pandeireteira Tania Caamaño, quen coincidiu con Antía no grupo coruñés Samarrúas, que fora finalista nunha pasada edición dos Premios Opinión á mellor canción orixinal.

Na súa intervención na gala tocarán algunhas das composicións incluídas no seu traballo Aire!, que lles permitiu obter o ano pasado o Premio Opinión ao Mellor Disco. A continuación farase entrega dos dous premios que se concederán nesta edición e logo será a quenda de Tanxugueiras, que pechará a cerimonia coa súa actuación, na que, o mesmo que o resto dos participantes, haberá referencias á musica feita por Leilía durante os seus trinta e catro anos de traxectoria.

As compostelás Felisa Segade, Montse Rivera, Ana Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade e Rosario Rodríguez crearon no 1989 Leilía, cuxa primeira actuación pública foi nun festival hoxe desaparecido, o Cidade Vella que se organizaba en Santiago. Tan só coas súas voces e pandeiretas apostaron pola recuperación da música tradicional nun formato que daquela era novidoso na escena do folk galego.

A súa primeira gravación discográfica, que levou o nome do grupo, publicouse no 1990. A participación de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro, na produción do seu segundo traballo, titulado I é verdade i é mentira e publicado no 1998, supuxo un cambio, xa que contaron coa participación doutros músicos. Con Madama, do 2003, atrevéronse a compoñer temas con letras sobre cuestións actuais. No 2005 publicaron Son de Leilía e remataron a súa carreira nos estudios con Consentimento.

Antes de Leilía, recibiron o Premio Andaina Senlleira figuras da música tradicional galega como Emilio Cao, Amancio Prada, Fuxan os Ventos, Miro Casabella, Berrogüetto, Cantigas e Agarimos, a musicóloga Dorothé Schubarth, o técnico de son Pablo Barreiro, o obradoiro artesán de gaitas Seivane, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira e a discográfica Do Fol.