A agrupación Xacarandaina gaña o II Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano

A gala dos XXIII Premios Opinión da Música de Raíz terá lugar o 2 de abril no teatro Rosalía | Álvaro Iglesias, Antía Muíño e Xacarandaina son os artistas que subirán ao escenario

Treixadura, nas festas da Peregrina de Pontevedra. |   // RAFA VÁZQUEZ

Treixadura, nas festas da Peregrina de Pontevedra. | // RAFA VÁZQUEZ / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A agrupación coruñesa Xacarandaina, con case medio século de traballo pola música tradicional ás costas, foi elixida como gañadora do segundo PREMIO OPINIÓN Acontecemento Musical do Ano, que o ano pasado distinguiu ás Tanxugueiras e que será entregado na gala anual que organiza este xornal, o 2 de abril no teatro Rosalía de Castro. Os XXIII PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz recoñecerán traxectoria de Treixadura co galardón Andania Senlleira.

Xacarandaina, no Coliseum, co seu espectáculo ‘Endaterra’. |   // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

Xacarandaina, no Coliseum, co seu espectáculo ‘Endaterra’. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA / REDACCIÓN

A actuación que dará comezo á vixésimo terceira edición da gala dos PREMIOS OPINIÓN da Música de raíz será a de Álvaro Iglesias. O músico foi o primeiro contrabaixista galego que editou un álbum en solitario após máis de dúas décadas de traxectoria acompañando a artistas moi diversos. Iglesias volverá publicar un disco como solista, o terceiro na súa andaina, e a gala será o lugar da presentación dalgunha peza desa nova obra, que saíra ao mercado despois do verán. Volverá ao escenario do teatro Rosalía de Castro con música instrumental presentada baixo o seu particular prisma musical, no que bota man dalgunha peza propia e arranxos de temas tradicionais. Co anterior traballo (Vagalume) logrou na gala o galardón de mellor adaptación dunha peza tradicional por Pasarrúas de Os trintas de Trives. Por ese motivo ese será un tema que vai tocar na cerimonia, na que estará acompañado no escenario por dous gañadores do PREMIO OPINIÓN á mellor composición orixinal. Xosé Liz conseguiuno por Candolla, incluído no segundo disco de Entre Trastes (grupo no que tamén toca Iglesias) e o portugués Luís Peixoto logrouno por Jumping bits, unha peza composta para o trío TRIM, formación que tocou na gala.

A agrupación coruñesa Xacarandaina fíxose acreedora pola súa calidade da segunda edición do galardón chamado Acontecemento Musical do Ano, que foi gañado o ano pasado polas Tanxugueiras. O premio recíbeno polo espectáculo Endaterra, que puxo o ano pasado enriba do escenario a oitenta persoas nun traballo onde estivo presente na súa elaboración toda a bagaxe artística que leva acumulada Quique Peón, o director da obra. Música, baile e dúas actrices como condutoras da historia ofreceron aos espectadores unha mostra moi variada de danza galega. Por mor das súas dimensións (cunha ducia de parellas de bailadores e bailadoras en escena) deberon realizar a súa actuación na cidade herculina no Coliseum, nunha representación que tivo unha grande acollida por parte dos numerosos espectadores que a contemplaron.

Xacarandaina conta con anos de experiencia realizando espectáculos. Os últimos antes desta obra premiada foron O Poder do Arcabuz, Galizien Amerika Linie e Prestixio. Os herculinos manteñen o seu labor de divulgación dende hai máis de corenta anos. Son un exemplo e un referente para as persoas que aman a nosa tradición e pretenden fomentala. Na gala ofrecerán unha mostra do seu bo facer a un público que xa amosou no pasado a súa predisposición a pasar un bo rato contemplando os belos movementos do noso baile.

A Antía Muíño, que tamén subriá ao escenario, descubrímola grazas á colaboración que fixo para o solista Xabier Díaz no álbum Levantarse e Caer hai dous anos. Esa voz non podía por menos que chamar a atención. A compostelá editou en 2002 Carta aberta, o seu disco de debut, que lle está dando a satisfacción dunha boa visibilidade nas descargas das redes e tamén á hora de conseguir contratacións, tal como se comproba na súa páxina web. Nese primeiro traballo navega musicalmente entre diversas influencias sonoras. Na cerimonia vaise cinguir máis ás pezas que se poden encadrar dentro da música de raíz, mais tamén se notará que bebe de diversas fontes para elaborar ese repertorio. Virá acompañada da súa guitarra (estudou guitarra clásica) e en formato de trío para pór o punto final á noite de entrega de premios. Antía xa está a traballar en novas cancións para poder continuar a súa prometedora traxectoria en solitario.

O décimo sétimo premio Andaina Senlleira recae en Treixadura

A banda comezou a súa carreira en 1990. Daquela eran fundamentalmente un grupo de gaita e percusión e foron evolucionando ata chegar ao momento importante na súa andaina en que colaboran con dez voces masculinas, que pasan a se incorporar á formación co nome de Orfeón Treixadura. A orixe desa colaboración naceu nun proxecto que elaboraron sobre o sainete A chula de Pontevedra. Iso fixo que esa vocación de difundir, recuperar e reinterpretar as cantigas tradicionais tomase un vieiro aínda máis claro, no que resulta fundamental a participación e implicación do público que asiste aos seus concertos. Calquera que estivese nun recital deles pode dar fe do grado de conexión que teñen cos presentes, algo que resulta emocionante cando conseguen que participen cantando as pezas máis coñecidas do seu repertorio. Ese é un logro meritorio, ao igual que eses trinta e catro anos de reivindicación da nosa música tradicional, que grazas a formacións como Treixadura goza dunha boa saúde que amosa a súa riqueza expresiva nos escenarios. Oito discos publicados e centenares de concertos amosan o seu poderío na música tradicional. Do álbum Unha semaniña enteira (editado en 2006) venderon trece mil exemplares, todo un logro para un mercado galego no que as vendas de discos xa ían diminuíndo. Treixadura son un referente e continúan a traballar para afondar no seu legado, do que deixaron unha boa mostra no disco-libro Camiño longo, que recollía as mellores esencias dos seus trinta anos de carreira. Este premio salienta a súa sobranceira traxectoria e agardamos con interese o seu novo traballo para que a xente volva cantar con emoción canda eles nun concerto.