Galicia mantén a súa condición de invicta desde a súa volta ao fútbol de alto nivel despois de empatar a un gol diante de Venezuela, nun partido que puido e tivo que ter rematado cunha vitoria escandalosa a prol da Irmandiña, moi superior en todos os aspectos, grazas á súa proposta futbolística e á calidade dos seus xogadores. Un gol no derradeiro segundo evitou o triunfo, pero Galicia amosou a súa clase e só lle faltou máis remate para sentenciar. En calquera caso, o obxectivo quedou cumplido, ver de novo a esta selección e ollar que Riazor respondeu ao partido e gozou da mellor xeración de futbolistas galegos da historia, posiblemente.

Había xente con dúbidas sobre o trato que recibiría Iago Aspas en Riazor e o de Moaña lucíu onte en territorio comanche. As combinacións con Lucas toleaban aos venezoláns e divertían aos seareiros. Toque, habilidade, velocidade... só faltou acerto no remate. Claro que por detrás estaba Denis Suárez para subministrar, mandar e facer o que lle dese a gana. E máis atrás Mosquera con Rico para pór orden. O gol tiña que chegar, e chegou cando Aspas aproveitou un rexeite do porteiro venezolán a disparo dun dinámico Jota Peleteiro para marcar a porta baleira. E nese momento Riazor berrou un nome: Aspas!!!

É que onte xogaban galegos con e por Galicia. Quen esperase berros para os futbolistas do Celta quedou amolado, os únicos asubíos foron para Núñez Feijóo, que estaba presidindo o partido dunha selección que el mesmo eliminou hai case oito anos da man de Lete, tamén onte no palco na procura dunha foto. Abaixo, sobre o céspede, había uns futbolistas que non dubidaron en responder á chamada de Fran e Míchel para aturar a uns adversarios que, completamente superados, tiraron de dureza para tentar frear o espectáculo que estaban a ofrecer os irmandiños.

O fútbol volveu a Riazor despois de que rematase a Liga. Certo que non había en xogo máis que o orgullo de acadar a vitoria e defender unha camisola. Cando menos polo lado dos galegos, porque polos venezoláns estaba en xogo o mesmo máis un posto no once que vai comezar a Copa América Centenario, que principia nos Estados Unidos no vindeiro mes de xuño. Non mandaba o resultado, só o espectáculo, que foi polo que apostaron os xogadores como resposta aos seareiros que onte estiveron en Riazor.

Con Denis Suárez no equipo sempre é máis doado. O futbolista do Villarreal está un punto por riba dos demais integrantes desta selección, que ten talento dabondo. A súa calidade iluminou onte o coliseo coruñés, axudado pola velocidade de Aspas e Jota nas bandas, e Lucas arriba. Por algo está na lista preliminar de Del Bosque para a Eurocopa, como tamén Jonny, onte lateral dereito pero máis afeito a estar na esquerda ou no centro da defensa.

O balón foi de Galicia, que movía e chegaba, malia que con escasas oportunidadaes de remate. Tanto tivo a Irmandiña a pelota que os defensas case non tiñan protagonismo. Jonny e Angeliño aínda puideron deixarse ver nas súas incorporacións, mentres Álex e Mallo se conformaron con gardar as costas para que os seus compañeiros o pasasen ben. E Sergio? Sacou unha boa falta cun paradón e pouco máis. Venezuela non chegou.

Semellaba que Diego Mariño, que entrou despois do tempo de lecer canda a Juan Domínguez e Joselu, ía ter máis traballo, porque os venezoláns amosaron tamén os dentes arriba. Non foi moito tempo, xa que malia os trocos Galicia seguía amosando unha superioridade case insultante no campo. O marcador, mediada a segunda metade, podía ter sido escandaloso para os xogadores que dirixiron Fran e Míchel Salgado, que estragaron numerosas oportunidades perante a portería da vinotinto.